Casares e o Che Guevara

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pilar Canicoba

Carlos Casares, como algúns dos mozos universitarios composteláns do curso 1964-1965, non foi alleo aos cantos do ideario marxista. Cómpre precisar: estivo fondamente interesado nese ideario, e, nalgúns momentos, verdadeiramente fascinado. Nas cartas que se cruza, desde Xinzo de Limia, co seu mentor Ramón Piñeiro, emprega, precisamente, esta palabra, fascinación. En efecto, nunha das primeiras, comunícalle que sente unha gran fascinación polo marxismo. Cómpre sinalar que Casares, xa daquela escritor con moitos matices, noutras cartas maniféstalle que el segue a ser relixioso, fondamente relixioso, condición antagónica, en principio, co credo, non transcendente, de Marx e Engels. Pero Casares segue a matizar: aí están, noutras partes de España, algúns sacerdotes que, desde as premisas do Concilio Vaticano II, tratan de conxugar o cristianismo co marxismo, entre eles o P. Totosaus, de Barcelona. Con el, no verán de 1965, viaxa á parroquia de Xironda (do concello ourensán de Cualedro), onde é tal a miseria económica, a falta de hixiene e outras eivas que Casares, desde o lume dos seus 23 anos, chega á conclusión de que a redención dos campesiños galegos terá que vir de accións moi próximas ás do comunismo. Pero no epistolario de Ramón Piñeiro-Carlos Casares hai máis matices. Sabido é que Piñeiro, sempre respectuoso e moi cordial na polémica epistolar, era un eficaz disuasor.

 

Casares, aínda despois de 1965, non rompeu coas súas vellas simpatías ideolóxicas. Consérvase un diario seu, de outubro de 1967, ben revelador. O 9 dese mes, Ernesto Che Guevara foi abatido polo Exército boliviano. Casares é tan guevarista que non o cre: cre que é un invento da CIA. Días despois, cando Fidel Castro certifica a morte do singular guerrilleiro arxentino-cubano, queda consternado. É neses días cando Carlos Casares escribe un dos mellores poemas que escribiu nos seus anos mozos: A Ernesto Che Guevara. Recoñece que amañeceu «mancado de ti» e que «Ó fin / están tranquilos, arrincáronte de nós, abriron / unha ferida máis na nosa fame / onde era o teu corazón un pan redondo / prá nosa libertá».

Este poema, con outros catro poemas galegos máis, un deles de Celso E. Ferreiro, ía ser publicado en Barcelona no ano 1968 nun volume no que figuraban León Felipe, Vicente Aleixandre, José Ángel Valente… pero a gadoupa censoria do ministro de Información, Manuel Fraga Iribarne, impediuno. Tivo que editarse na Habana un ano despois.