O morto resucitado

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

10 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cidadáns do montón, nisto da política, non gañamos para sustos. Tras os 1.400 millóns que nos vai a custar o apoio vasco aos orzamentos, xa se anuncian outros 450 para conseguir o de Nueva Canarias, todos eles do peto do contribuínte. Así, con diñeiro alleo, calquera negocia, sen consultar ás bases nin á militancia, como fan outros, que parece que o PP non tivese nin bases nin militancia. Aínda que, ben mirado, como os millóns ímolos pagar todos os españois, tamén os independentistas, pois para que vai consultar, paga, e ala!, ata a próxima, que será pronto, porque isto de cobrar para deixar gobernar é un choio. 

Pero, en fin, para sustos, nada comparable á resurrección do que foi cualificado de «morto vivente», e «cadáver ambulante». E que resurrección! Converteuse definitivamente na masa ectoplasmática que xa anunciaba maneiras na súa primeira etapa vital. Agora a súa capacidade de cambio é infinita e por iso indestrutible. O que antes era «non é non», agora é «si é si», sen deixar de ser «non é non», ou sexa, que é alfa e omega. 

E a todas estas, Patxi López clamando en TVE pola unidade, do PSOE, non de España, por suposto, ofrecendo paz e conciliación, cun xesto e cunha voz sosegada, que era tal cal o papa Francisco. Xa llo comentaba a vostedes o outro día: que difícil seguir crendo!