«This is afouteza»


Presidente da Real Academia Galega

Andaba a afección perdida polos dicionarios. ¿E isto que é?, diría algún, pouco afeito a certas formas patrimoniais, vellas palabras da tribo. Afouto... Afouteza... O Celtiña saíu ao campo co corazón a rebordar, a botar por fóra coma quen, co estadio cheo ata a derradeira bancada, que poucas veces rexistrou Balaídos semellante afluencia. Seica non cabía unha agulla. Os meus amigos de Brión, que alá foron por ver de acompañar a posible fazaña, tiveron que ocupar localidades de fondo. Non se enteraron de moito, coa vista dos xogadores de medio corpo para arriba, a metade do campo inaccesible, axexando entre cabezas, pancartas e bandeiras esventoladas. Pero pasárono moi ben, volveron ata a Picaraña cantando, como se gañasen por chosca. A vitoria ou a derrota son algo psicolóxico. Gañas cando ti (no teu corazón) pensas que gañaches, que fixeches todos os méritos e puxeches toda a intelixencia e o corazón para a vitoria.

E logo vén a afouteza. ¿De onde saíu a tal palabra? Certo que non é unha expresión popular como aquel «hai que roelo» do Pontevedriña da miña infancia, o Pontevedra F. C. de Cholo, Pirelo, Ferradás e Rivada, que lle gañaba ao Real Madrid e traía aos pontevedreses levantados de cuñas. Afouteza é máis ben vocábulo de tradición literaria, aínda que está ben rexistrado na fala (Campolameiro, por exemplo) e ten correlato en portugués: afouto, ou afoito, do participio latino do verbo faveo, favere, favi, fautum, que significa algo así como ser favorable a algo, estar a prol de algo, interesarse por algunha cousa, favorecer...

Segundo o Diccionario etimológico de Joan Corominas (1905-1997), a locución latina deu en castelán antigo hoto, e mesmo o verbo enfotar, que xa non se usa, e que viña significar estar interesado en algo ou en alguén, ou poñer moita ansia por algo ou por alguén, irmáns xa que logo do noso galego afouto, que aparece en 1846 nun texto de Vicente Turnes (Santiago de Compostela, 1786-1865), un dos autores que o profesor Carvalho Calero clasifica entre os precursores rosaliáns e que ten un poema que di: «As santiaguesas, todas a eito / facerche queren o seu festexo./ Todas afoutas veñen con lenzos/ e ricas mantas de terciopelo».

Afouteza é unha construción a partir de afouto, derivado abstracto, que rexistramos por primeira vez literariamente en 1920, en Leandro Carré, e mais nun texto de Wenceslao Fernández Flórez. Afouteza... O dicionario da Real Academia Galega defínea como «disposición do espírito que leva a actuar ou acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades»: audacia, animosidade, ousadía, decisión, valor, enerxía... como para gañarlle ao Manchester United o próximo xoves no Old Trafford da capital británica. Veremos daquela. E se non, que nos quiten o que levamos de festa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
31 votos

«This is afouteza»