Galicia, cidade única

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

17 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Recén elixido presidente en setembro do 2009, Núñez Feijoo presentou o Plan Move, que pretendía converter a Galicia nunha cidade única, na que todos estaríamos conectados (entre nós e con todos os servizos). Co apoio do Ministerio de Fomento e a ollada posta no 2020, prometía a segunda modernización do país «para competir con calquera rexión europea, onde cada quilómetro terá un sentido». Falaba (sic) de conexión coas vías de alta capacidade, hospitais, escolas, universidades, bibliotecas, residencias, 4.265 millóns de euros ata o 2015, 70.000 novos empregos directos, oito plans de infraestruturas, optimización de peaxes, o incremento do 177 % de quilómetros de vías de alta prestación e solventar os actuais problemas de transporte nos ámbitos metropolitanos.  

Dúas lexislaturas despois, non só estamos afastados desa cidade única, senón que vimos de coñecer o diagnóstico duro e clamoroso das entidades locais galegas representadas pola Fegamp, nun documento onde recollen cen propostas dirixidas á Xunta e ao Goberno central para corrixir fortes desequilibrios e tratos inxustos que dificultan o desenvolvemento e a mellora da calidade de vida dos 2.700.000 galegos administrados por 314 gobernos municipais, 40 mancomunidades, unha case-área metropolitana, catro deputacións, un Goberno autonómico e máis outro central.

Agora sabemos, por exemplo, que unha única cidade española, Zaragoza, recibe máis cartos do Fondo de Compensación Estatal que o conxunto dos sete grandes concellos galegos xuntos por aplicación dunha lexislación que ignora as nosas peculiaridades. 

Seguramente, os culpables somos nós polas nosas teimas e manías. Como esa de non abandonar de todo as zonas rurais onde 217 persoas son quen de manter en funcionamento un Concello, o máis pequeno deste país, Negueira de Muñiz. Ou non esforzarnos en conseguir que a poboación do maior, Vigo, chegue a censar 300.000, contentándonos con quedar a menos de 5.000 da cifra máxica e dos cartiños de máis que esa mesma lexislación nos concedería daquela... E unha chea máis de exemplos que o informe da Fegamp nos fai ver.

Mira ti que se nos responden que todo é polas nosas teimas e manías... que o que temos é que comer máis alimentos con vitamina E e ácido fólico para aumentarmos a fecundidade, volvérmonos ás mulleres á casa para termos máis pequenos e coidar dos vellos, deixármonos de mandar á xente nova a universidade e animalos a emigrar para volver recibir remesas de fóra... Que nos deixemos, en fin, de ladaíñas e reclamacións se queremos ver como a dispersión e o envellecemento da poboación, a desertización do interior ou o desemprego endémico, darán rematado.

Porque a elevación do nivel de renda e do PIB que nos situou hai xa algúns anos nos estándares europeos, e tantas reformas e promesas que nos trouxeron ata aquí, coma aquel plan in-move, fan pensar en volver ás receitas dos bisavós, cando fuxir era unha opción e ser pobres, outra.

A culpa, fixo, é de nós.