A lingua galega nos currículos laborais

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un 20,5 % da nosa mocidade utiliza o galego para redactar o currículo co que se presenta no mercado do traballo. O 71,2 % usa o castelán. Un 35,4 % emprega a lingua galega nas entrevistas laborais. O 46,5 % prefire o castelán, e o 18,1 % calquera das dúas. Son datos do estudo sobre Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, que vén de facer público o Consello da Cultura Galega, resultado dun traballo de campo, cuantitativo e cualitativo, que se realizou entre decembro do 2015 e febreiro do 2016. Os interesados poden consultalo na páxina web da devandita institución. 

Parei na cuestión laboral (para a que se realizaron 243 enquisas) porque me parece especialmente significativa. En liñas xerais, o panorama que se debuxa no estudo confirma as impresións e mesmo os datos que vimos utilizando os que nos preocupamos pola realidade social da lingua: o galego vive momentos difíciles nos espazos urbanos sobre todo, que é onde se establecen os valores dominantes, e aínda que existe un coñecemento aceptable da lingua, tanto falada como escrita, a socialización das novas xeracións tende a realizarse en castelán (fóra das poboacións do rural) e as estratexias que ata agora se viñeron desenvolvendo a prol do idioma non parecen dar os resultados que moitos desexariamos, e aos que estamos obrigados por mandato estatutario (a lingua propia de Galicia).

Non é a primeira vez que escribo destas cuestións. ¿Que pasa cos meus alumnos e alumnas na facultade, que saben falar galego, pero que non o falan fóra de ámbitos moi específicos? ¿Que pasa, xa que logo, co mundo do lecer, os medios de comunicación de masas, as novas tecnoloxías, a oferta cultural, a transmisión xeracional nas familias, os espazos de convivencia común, o traballo…? ¿Como pensar na utilidade e mesmo no futuro dun idioma que ten tantas dificultades para estar presente nestes ámbitos?

Dito o anterior, unha vez máis volvemos á imaxe da botella medio baleira ou medio chea. Non se trata de caer en triunfalismos baratos, pero ¿cantos rapaces e rapazas redactarían en galego o seu currículo laboral hai trinta ou corenta anos, por exemplo? ¿E cantos se posicionarían espontaneamente en galego diante dunha entrevista laboral? O currículo é a oferta que o aspirante fai para que o contraten. Todas as estratexias de sedución son válidas: dende a exposición de méritos académicos, experiencia, coñecementos, etcétera, ata a presenza física e, naturalmente, o idioma que se utiliza nesa primeira relación.

Sinceramente: que un 20,5 % decida entrar directamente en galego (o 35,4 % para as entrevistas persoais), ollado con perspectiva histórica, e mesmo nas circunstancias difíciles polas que segue atravesando a lingua, incluídos os prexuízos aínda non superados, paréceme un dato que invita á reflexión. Hai outros, dos que pagará a pena falar noutras oportunidades.