Órganos de porco


Restaurante con vista ao Atlántico aberto. Xantar a base de navallas, polbo e raia. Mais fálase de carne, preparada aos xeitos halal (para os consumidores islámicos) e kosher (con destino aos de relixión hebraica) para exportar desde Galicia; tamén, de transferir coñecemento a Cuba -necesitada de mantenza para turistas- sobre a cría de porcos. Entre bocados xorden nomes de empresas e de profesionais desas áreas da alimentación e, como os comensais son do ramo tecnolóxico, éntrase desde tal perspectiva no rendemento da especie porcina: en boa parte do mundo sempre se lle comeu todo ao animal; e desde hai décadas véñense aproveitando certas partes del para substituír as correspondentes do corpo humano. Velaí as válvulas do corazón. 

Hoxe o estado da ciencia, pronta para ser aplicada, facilita o intento de criar porcos con modificacións xenéticas que permitan transplantar deles aos humanos canto compoñente do seu organismo se queira, mesmo vísceras completas. Sempre se dixo «se queres ver o teu corpo, esfola un porco», e así é: ao longo do seu crecemento, un porco pode ter o ril ou o pulmón do tamaño acaído ao receptor humano. Non estamos lonxe do novo favor que o animaliño doméstico pode facer á nosa especie, logo de nos ter matado a fame: prolongarnos a vida. Daquela, as xentes que o teñen como impuro, ¿vanse negar a seguir vivindo cun órgano porcino?

Votación
9 votos

Órganos de porco