Guerras pola Historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Das guerras pola memoria de hai anos pasamos ás guerras pola Historia. As dúas son guerras sobre o pasado para discutir o presente porque é sabido que quen controla o pasado controla o presente. As guerras pola Historia en España xogáronse no campo da literatura máis que no da historiografía. O último capítulo é o recente libro de Cercas, acollido con máis críticas explícitas que os anteriores: acúsano algúns de branquear o franquismo. O que intenta o autor, como todos, é enfrontarse ao seu -ao noso- pasado colectivo: explicar como se puido vivir durante corenta anos baixo unha ditadura orwelliana e kafkiana. Quere responder a unha pregunta inevitable a estas alturas, pero faino coas armas da imaxinación máis que coas da indagación, e cunha ollada introspectiva -familiar-, polo que o resultado, tendo en conta o relato político construído sobre o pasado español de guerra e ditadura, é forzosamente comprensivo.

Este relato político do noso pasado incómodo é tan potente que tamén coas armas da indagación pódense obter resultados chuscos. Tal é o caso do recente libro de dous profesores da Universidade Rey Juan Carlos, Álvarez Tardío e Villa García, sobre as irregularidades nas últimas eleccións antes do golpe de 1936. Algúns xornais están a presentalo como a grande noticia da fraude electoral que xustificaría a guerra (polo tanto o golpe e xa que logo a ditadura). Curiosas noticias chegan do pasado, destinadas a reafirmar as versións dos contendentes daquela guerra, pero sobre todo dos poucos militares golpistas que a provocaron. Asombrosas novidades, para quen descoñece a diferenza entre os sistemas electorais actuais e os de hai 80 anos, aquí e en Wisconsin, e as súas irregularidades. Interesante información para quen pensa que foron fraudulentas as eleccións que perdeu en 1936 e non as que gañou en 1933, como se vivira aquel momento ou como se este presente fose aquel pasado. Anacronismo chámaselle a iso, pero a enchente de anacronismo devén patoloxía cívica e política.

Desprestixiados os vellos relatos franquistas da guerra, que aínda viviron un revival arredor do cambio de século nas copias dalgúns propagandistas, a confrontación sobre o pasado retómase por outras vías, pero sen mudar os marcos do relato que construíron os protagonistas daquel pasado que, por fortuna, non somos nós. A novidade é que se puxo en cuestión o pasado e por fin enfrontámonos a el. E por iso tamén as armas da literatura, que renderan grandes servizos para pensar as memorias agochadas, xa non abondan. As armas da memoria moveron as da historia para superar o relato dun pasado para esquecer, simplemente nefasto, sen distinción. Os pasados das sociedades non poden ser indiferenciados, como non o son tampouco os das persoas. Desconfíen dos relatos que lles presenten o seu pasado colectivo sen distincións entre uns e outros contextos e persoas. A nova disputa sobre o pasado vai dirimir se o legado dese pasado é de matanzas (perpetradas) ou de democracia (conquistada).