Soberanía en crise

OPINIÓN

13 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É ben sabido que unha das características do noso mundo de hoxe é ser interdependente. Os exemplos están ben á vista: ningún Estado europeo pode resolver sen o concurso dos demais os problemas das fronteiras, da defensa, do cambio climático, da investigación científica, da economía... case todos os nosos grandes problemas. Esa interdependencia, que só nega o meu vello e simpático amigo Méndez Ferrín, é a que impón aos países a chamada cesión de soberanía, ou a soberanía compartida, da que son exemplo os estados federais e aínda tamén, sen ter esas características, a UE. O pacto federal é un pacto entre iguais, que debe garantir as competencias que corresponden a cada país federado, pois federar é unir. De aí a súa bilateralidade: noutro caso, non se pode falar de pacto federal. Esta cesión de soberanía acostuma ser a maior dificultade para chegar a federar, a unir, xusto porque os intereses nacionais de cada Estado dificultan, ou impiden, unha visión dos intereses comúns, de maneira que o non superado nacionalismo decimonónico embaza a visión moderna do noso mundo inmediato, dominado pola crise do vello concepto de soberanía. 

Tarde ou cedo -case seguro que máis ben tarde, e ao mellor xa a destempo- a realidade e as esixencias dos nosos días imporán, como xa está ocorrendo, solucións de soberanía compartida, tanto de orde europea como para cada Estado que queira federar unir- países, nacionalidades ou comunidades que o reclamen ou que o aconsellen.

A crise do concepto de soberanía é manifesta, e é unha consecuencia da crise do nacionalismo. Mal lle vai ir a este se non sabe acompasar as súas demandas aos novos tempos. Por moita soberanía que se invoque, a realidade do noso tempo vai negala. Non velo así é mesmo de cegueira.