Na sesión de investidura do 25 de febreiro, Leopoldo Calvo Sotelo obtivo a maioría absoluta que se lle negara dous días antes, Había que dar imaxe de unidade ante o golpismo e deuse, pero foi só un xesto porque a tregua foi breve. Máis relevancia tivo a decisión de presentar ao rei un Goberno sen militares, o primeiro desde 1939, con Alberto Oliart como ministro de Defensa.
Calvo Sotelo recoñecíase lacónico e pouco dado á retórica, polo que non conectou co electorado, nin coa prensa, que viron nel un home distante; pero era intelixente, metódico e teimudo á hora de crear e realizar un proxecto, e tiña proxectos porque se propuxo gobernar e emendar erros anteriores.
Quixo poñer orde no proceso autonómico e creou unha comisión de expertos, presidida por Eduardo García Enterría. Os nacionalistas vírona con receo e a prensa como unha cesión aos golpistas. O certo é que no discurso de investidura do 18 de febreiro, cinco días antes do 23F, Calvo Sotelo xa anunciaba cambios na política autonómica. Cando Pujol lle preguntou o porqué da comisión, o presidente respondeulle: «Porque ni el Gobierno, ni los partidos, ni el Parlamento saben por dónde salir de la confusión reinante».
E naceu a LOAPA.