O padre Feijoo tiña unha visión optimista do devir do mundo e consideraba que todo ía a mellor, mentres que o seu irmán de hábito, o padre Sarmiento, opinaba o contrario. Estimaba que a terra e os seus recursos estaban a degradarse, pero non como consecuencia de cosmovisións teolóxicas (vontade divina, pecado orixinal, etcétera) como sostiñan moitos contemporáneos, senón porque observara e mesmo medira o esgotamento de determinados recursos, maiormente pesqueiros, como resultado da cobiza humana. Para moitos foi o primeiro ecoloxista español.
Dous séculos despois, en 1972, o Club de Roma patrocinaba un libro do que aínda se segue a falar na actualidade: Os límites do crecemento, que prognosticaba que se se mantiña o ritmo de consumo, a finais deste século a economía entraría en recesión e o mundo colapsaría. Foi moi criticado polo seu catastrofismo, que contradicía a expansión e o ambiente de optimismo económico que propiciou o liberalismo capitalista dos seguintes decenios, a pesar de que sucesivas revisións do texto orixinal (en 1992 e o 2012), con moito mellores datos e métodos de cálculo, se reafirmaban na maioría das súas predicións.
Nos últimos tempos, como consecuencia da acumulación de evidencias científicas sobre o cambio climático, perda de biodiversidade, contaminación das augas e outros problemas do planeta, vólvese insistir nos mesmos ou parecidos termos, pero agora concretando máis cales son os límites que non se deben sobordar. Rockström (2009), nun traballo moi citado e debatido, fala de nove «liñas vermellas» para outros tantos procesos que non se poderían pasar se non se quere caer nunha degradación irreversible.
É certo que, por unha parte, establecer límites concretos e de carácter planetario ten moitos problemas, pois eses procesos cambian gradualmente e definir puntos que separen dúas situacións radicalmente diferentes non se achega moito á realidade. Por outra parte, a grande variabilidade do planeta fai que o que pode ser bo para unha zona determinada non teña nada que ver con outra social e fisicamente diferente.
De todas maneiras, estes límites teñen a grande vantaxe de que son claros, se aveñen ben ás decisións políticas e á comunicación mediática e, polo tanto, poden ser referencias efectivas para o cambio. Temos o exemplo dos dous graos centígrados como o incremento da temperatura que non se debe superar no contexto do cambio climático que, aínda que foi a intuición dun economista hai anos, agora é un obxectivo no que van converxendo as vontades políticas dos diferentes países. En consecuencia, aceptemos os límites do planeta e, sobre todo, aprendamos a convivir con eles.