No espello de Rosalía


Dous días de vida. Dous pequeniños días tería hoxe a nosa autora, logo de ser cristianada no vello hospital compostelán como filla de pais incógnitos, aínda que sen chegar ingresar na inclusa, tal coma lembraba o pasado xoves a académica Marilar Aleixandre no acto literario co que a RAG honrou a súa memoria. María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, ten xa no prelo a primeira entrega da biografía da nosa poeta fundacional: Cantos de independencia e liberdade, 1837-1863. Sairá do prelo nas próximas semanas e atinxe, moi documentadamente, os primeiros anos de vida, crianza e formación nas terras de Compostela, mocidade, viaxe a Madrid, primeiros pasos nas letras, bohemia artística e literaria, a relación con Manuel Murguía, os primeiros textos publicados, as súas novelas, ata o primeiro libro en galego: Cantares gallegos (1863), título que inaugura o novo tempo de esperanza para a nosa lingua. A contemporaneidade (e a modernidade) empeza entre nós con Rosalía de Castro.

 Non é a primeira vez que escribo dela nin será a derradeira. «O futuro é das mulleres», anunciaba ese xoves na Coruña o músico Roi Casal. «Tecín soia a miña tea, sembrei soia o meu nabal…». No primeiro capítulo da biografía, María Xesús Lama reproduce unhas declaracións de Alejandra, a filla máis vella de Rosalía e Murguía, entrevistada en 1959 polo xornalista Victoriano Fernández Asís. «¡Diga que no era triste mi madre! ¡Destruya usted ese tópico de la tristeza!».

Na biografía que se nos anuncia repásase radicalmente esa imaxe da santiña depresiva, sempre a chorar e a doerse, coa que se foi construíndo grande parte do mito rosaliano. Cada xeración visita os seus símbolos cunha ollada nova que os enriquece. Nada que ver a imaxe que nos documenta María Xesús Lama coa muller amurchada e illada do mundo que durante tanto tempo se nos presentou. Educada no espírito libre (por unha nai con espírito libre), nunha Compostela inqueda e politicamente activa, cunha mocidade que empezaba a construír unha maneira nova de entender o mundo (e o seu país), compañeira de bohemia no Madrid romántico, actriz, amiga das artes, dona dun pensamento autónomo, reivindicativo dos valores humanos e moi consciente da súa condición feminina, non podo evitar pensar nela (buscar o seu rostro no espello) cada vez que leo nos xornais unha nova noticia de asasinato, humillación ou maltrato de mulleres. O futuro é delas. Eu diría mellor: o futuro pasa necesariamente por elas, en absoluto pé de igualdade, conquista que fará libre a todo xénero humano. Escribino xa nalgunha outra ocasión: a revolución máis profunda nos últimos 150 anos, acaso a de máis clamorosa xustiza, é a revolución feminina (e feminista). Mais o reconto de vítimas é un escándalo que arrepía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos

No espello de Rosalía