A marcha das mulleres

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De todos os estandartes que portaba aquela xente, hai un que gardaba toda a emoción que se condensou na Marcha das Mulleres contra Trump. Non a levaba nin Scarlett Johanson coa súa estudada imaxe à lo garçon, nin Madonna, que por fin pasou de icona pop a icona feminista. As celebrities só foron teloneiras desa nena coa mellor pancarta de todas: o seu debuxo libre.

Non hai imaxe que recolla tan ben a esperanza condensada na toma da rúa por parte das mulleres do mundo. Esa nena díxolle ao pai que a levou a ombros á Women’s March en Charlotte, ¿que escribo no meu cartón? Podes pór o que queiras. O que queiras pensar, o que queiras dicir, atrévete ao que queiras, pensaría el. Nese cartón da nena de Charlotte non estaba o corsé de Melania Trump detrás sempre do seu home, nin os moños perfectos de Ivanka que segue ao marido para que triunfe a carón do machismo noxento do seu pai; non estaba todo ese conservadorismo que colocou no cumio do mundo un emperador xenófobo. A nena de Charlotte é hoxe aqueloutro neno do conto que dixo que o emperador ía espido. Velaí o relato da Marcha das Mulleres a través desa nena libre: xa non estamos para aturar tipos así. A nosa historia, coas nosas fillas, facémola nosoutras, e é imparábel.

¿Lembran aquela tira de Mafalda na que deixaba ao seu pai sen durmir ao preguntarlle en plena noite que pasaría se todos os chineses desen unha patada no chan a un tempo? Pois as mulleres do mundo somos máis, e o eixo de rotación da terra depende de nós. O 21 de xaneiro do 2017 comezou o insomnio dos Trumps que campan pensando que todas somos Melania. Pero as nosas fillas non son Ivanka e xa van fartas de pintar libres garabatos nun cartón.