O non milagre do papa Francisco


Alguén vai ter que poñer as cousas no seu sitio. Ultimamente escoitamos demasiado seguido este comentario. Alguén ten que recuperar a orde das cousas. ¿Cal orde? Esa é a pregunta. ¿Quen establece a orde das cousas? Veño de ler unha longa entrevista co papa Francisco, sen dúbida unha das voces máis interesantes do momento. Entre as varias opinións e comentarios do pontífice (etimoloxicamente «construtor de pontes») hai un que chamou especialmente a miña atención: «Vivimos momentos confusos, de desconcerto social e profundas desigualdades, con horizontes incertos. O máis perigoso destas situacións é que a xente se lance a buscar un salvador». Ou un milagre.

Lembro unha anécdota que coido que xa contei noutra ocasión neste mesmo xornal. Hai anos, a pouco de acceder ao pontificado o cardeal Bergoglio, nunha das miñas viaxes a Buenos Aires batín nada máis chegar cunha multitudinaria manifestación na praza do Obelisco, na avenida 9 de Xullo da capital arxentina. Había bastantes centos de persoas. De primeiras pensei que sería algunha protesta dos sindicatos ou das forzas da oposición ao Goberno, mais chocoume que moitos manifestantes portasen grandes pancartas co retrato do papa e que nalgunhas se dixese literalmente: «¡Francisco, queremos un milagre!».

Aquela noite xogaba o San Lorenzo de Almagro contra o Nacional de Paraguai a final da Copa Libertadores, que vén ser a Copa de América de clubs de fútbol, á que o equipo arxentino aspiraba seica dende había máis de medio século. A xente deliraba. Sobre todo o barrio de Boedo, que é onde está ubicado o estadio e a meirande parte dos seareiros do club, entre eles o cardeal Bergoglio, segundo todo o mundo sabía. Custáralle moito ao equipo chegar a aquela final, con moito esforzo e non poucos empurróns.

Nun partido ben apretado, gañou á fin o San Lorenzo por un único tanto, ¡o milagre que pedía a xente!, e a directiva fletou un avión cos xogadores para irlle ofrecer o trofeo a quen consideraban o máis significado seguidor do club, supostamente tamén o intermediario das súplicas da afección. Alá marcharon coa copa. Os xornais arxentinos recollían ao día seguinte as palabras do papa na recepción que ofreceu aos xogadores: «Non foi un milagre. Foi traballo e organización, que é o que teñen vostedes que facer co país para sacalo adiante».

Volvo ao primeiro parágrafo desta marea. ¿Cal e o sitio das cousas? Organización e traballo. E xustiza, principios humanos, dereitos e deberes democráticos, con institucións limpas que os garanten, liberdade e espírito crítico. Non hai salvadores. Nin milagres. Os salvadores, que normalmente piden a entrega total da nosa vontade, o cheque en branco da historia que os absolverá, pois non están dispostos a render contas a ninguén máis, acaban conducíndonos sempre á catástrofe, logo de anular a nosa intelixencia, a nosa condición de cidadáns e a nosa dignidade. E tocante aos milagres, témome que tampouco. Son unha cuestión de fe, que como ensina o vello catecismo é «crer no que non vemos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos

O non milagre do papa Francisco