Pero... é tan difícil?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

É tan difícil recoñecer un erro? Decatarse dos desacertos é o primeiro paso para poder mellorar. Claro que, entre tanta mediocridade (si, xa o digo así, farta de sandeces), igual o que interesa é non avanzar.

Pode ocorrer que a vicepresidenta use un coche oficial para ir mercar e que a agarden no carril bus? Claro que pode ser. Ninguén é infalible.

E se erramos... que facer? Se ninguén é consciente, pois igual nos salvamos, pero... se nos pillan... O que todo cidadán: aceptar o erro e pagar a multa pola infracción. Se ademais somos unha persoa con vida pública e nos piden explicacións, pedimos perdón, señores, que non é tan complicado. O que nunca se debe facer é xustificar o inxustificable. Ademais, para iso lles pagamos uns asesores... para que lles digan que xusto iso cabrea aos cidadáns.

Pois por se fose pouco, hai algunha compañeira de partido que, máis aló de desculpar a equivocación, aínda se atreve a dicir que «o soldo dos políticos non dá para moito e só podemos ir a tendas de baixo custe».

E isto dínolo aos case catro millóns e medio de parados e aos incontables traballadores con contratos indignos que agoniamos baixo o mandato do seu partido. Precisamente antes das datas do Nadal, no que moitos celebrarán a cea de Noiteboa cunha sopa lavada.

Por favor. Non nos toquen... a moral. É tan difícil facerse cargo da realidade? Teñan a decencia de estar calados.