O 30 de novembro de 1803 partiu do porto da Coruña unha expedición histórica. Sobre ela, Jenner, o descubridor da vacina das vexigas, escribiu : «Non podo imaxinar un exemplo de filantropía máis nobre e máis amplo que este». E von Humboldt: «Esta viaxe permanecerá como o máis memorable nos anais da historia». A súa misión era levar a vacina das vexigas ás terras de ultramar. A bordo ían o doutor Balmis e o seu axudante, o doutor Salvany, e Isabel Cendal, directora dun orfanato da Coruña. E 22 nenos expósitos, que foron os que levaron no seu corpo a preciosa vacina. A expedición, que deu a volta ao mundo, durou once anos. E aos 22 nenos iniciais fóronse sumando outros que os substituían. Algúns morreron e tamén o doutor Salvany. Pero salvaron miles de vidas. O esquecemento en que caeu esta xesta só se explica pola tradicional indiferenza española ante os seus propios heroes. Se os protagonistas fosen ingleses ou franceses, alí estudaríase a súa fazaña nas escolas e as pombas pousaríanse nas súas estatuas.
Escribiron novelas sobre iso: Julia Álvarez, Antonio Villanueva, Javier Mouro e Almudena de Arteaga. TVE rodou unha miniserie, 22 anxos, que se estrea hoxe, na que Pedro Casablanc encarna ao doutor Balmis. Non podo evitar a comparación con Laurence Olivier dando vida a Nelson; Daniel Day Lewis a Lincoln; ou Mel Gibson a Braveheart...
Para chegar ao gran público fai falta un gancho. A Agustina de Aragón interpretouna Aurora Bautista, que entón era unha estrela.