Libros en São Paulo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aliña de metro da avenida Paulista comeza na estación Paraíso e remata en Consolação. Os habitantes da cidade, o gran centro financeiro e industrial do país, con case 20 millóns de habitantes, a segunda poboación da América Latina, despois de México DF, fan brincadeiras e parábolas co caso, tanto para falar do amor como para falar da situación económica, que hai algúns anos anunciaban os discursos oficiais con expectativas case que paradisíacas e anda agora en tempos de devalo e confusión. Os xornais falan de creba técnica da economía nacional. Mais en calquera caso, a cidade está chea de vida e as librerías cheas de xente, igual que en Buenos Aires. E de xente nova, que é o que máis esperanza dá. Aquí están algúns dos meirandes establecementos libreiros da América Latina, cos seareiros a ler nas cadeiras, sentados no chan ou arrimados ás paredes. Se cadra non poden mercar, pero len. Ven de rematar a Feira do Libro de Guadalajara (México) con algunhas cifras importantes. Malia os catastrofistas e os apocalípticos, o libro (a lectura) segue vivo, e o fetichismo das pantallas non o vai arrombar doadamente. Iso din as cifras. Nos Estados Unidos a caída da facturación do libro electrónico no que vai de ano anda nun 20 %, mentres que o consumo accesible en papel (libros de peto) sube un 9 % respecto do ano anterior. Agardemos os resultados do noso Culturgal (Pontevedra), que está hoxe en plena actividade.

Viñemos a São Paulo, na parcería dos amigos da Ponte Atlántica, a presentar os primeiros títulos de Mar Maior, este pulo noso por proxectar o discurso da cultura galega alén das nosas fronteiras, mesmo noutras linguas próximas. E aquí estaba a nosa xente, o lobby dos galegos e as galegas no mundo: a Galicia exterior que, malia todo, existe. E unha vez máis, como en México, como en Buenos Aires, batín cos lectores novos, coa mocidade que segue a ver nos libros (na lectura) a grande fiestra que nos abre á experiencia da vida. E coñecín a Eduardo Lages, un mozote de vinte e poucos anos, que vén de autopublicar unha novela, Querido Jaime, na que conta a aventura dun ancián de 72 anos que vive só, un día sae da casa e pérdese na gran cidade.

A novela (110 páxinas) está dedicada ao seu pai, «que me protegeu e nutriu por máis de 20 anos», pero o que máis me interesou foi a fórmula editorial, a estratexia de marketing e o modelo de negocio. Leva a máquina de escribir xunto cos libros, editados por el mesmo, enriba dunha bicicleta, cun letreiro no que oferta ao mundo a súa produción. Só lle falta asubiar, coma os nosos afiadores-paragüeiros de Nogueira de Ramuín. Detén a bicicleta na beirarrúa, ás veces próximo ás grandes librerías, e coma quen xestiona un mostrador ambulante despacha os libros, conversa cos clientes e, entre parola e parola, avanza no capítulo da seguinte novela, que seica xa vai moi adiantada. Escribe nunha Hermes Baby portátil. «¿E non usas computadora?», pregúntolle. «Iso na casa. Aquí resultaría demasiado arriscado».