A que lle chamamos populismo?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Despois da elección de D. Trump dise que o populismo é a nova pantasma que percorre o mundo e ameaza a Europa. Da Inglaterra do brexit á Hungría de Orban, pasando por Holanda, Austria e a Francia ameazada por Le Pen. Pero que é iso do populismo? Por que lle chaman populismo se queren dicir racismo, machismo, negacionismo e outras formas de extremismo, como fundamentalismo cristián, nacionalismo imperial ou ultraliberalismo antisocial. O populismo confúndese tamén con formas vulgares de demagoxia que poden rastrexarse da Grecia de Pericles ate hoxe. Tanto rebumbio ten riscos. Certo que os populismos poden ser de esquerdas ou de dereitas, pero igual que ninguén confundiu nunca fascismo con populismo nin dereita democrática con fascismo, non pode encerrarse a definición de populismo na apelación ao pobo fronte ás elites, que, en si mesma, é puramente a demanda de goberno democrático fronte a aristocrático.

O populismo xurdiu vinculado á ampliación da democracia representativa e á inclusión de maiorías excluídas ou marxinadas do sistema democrático. Con tino indica o historiador Enric Ucelay da Cal que «non hai ningunha opción política a partir da Primeira Guerra Mundial que non remita ao concepto de Pobo» e que non se apoie «no feito de servir ao Pobo (ou unha parte que sirva polo todo)». Por iso mesmo os primixenios democristiáns italianos escolleron en 1919 o nome de Partito Popolare, igual que a dereita española democratizada despois do franquismo.

En puridade, os primeiros en autodenominarse populistas foron os narodniki rusos, promotores dun socialismo agrario; entre eles militaron intelectuais como A. Chayanov. Pero como di Ucelay, a palabra populismo ten dúas orixes decimonónicas, esta de orixe ruso que discorreu polo mundo francés e alemán e outra en inglés acuñada nos Estados Unidos e difundida cara o mundo hispano e lusoamericano. O People’s Party combatía o abandono das chairas agrarias norteamericanas e os abusos dos bancos e os ferrocarrís contra os agricultores. Aquel populismo non tardou en estenderse ao México da loita pola propiedade da terra: na procura de garantir a posesión das terras aos que as traballaban. Para entendelo en Galicia, no pasado e no presente, hai que pensar no Agrarismo como grande movemento labrego e anticaciquil. En España, toda a carga cultural acumulada polo populismo remite ao Rexeneracionismo de Costa.

O populismo xurdiu historicamente dunha pulsión democrática por agregar sectores ao goberno representativo e por estender liberdades, dereitos e bens entre sectores máis amplos da poboación. Tivo tan mala fama entre a esquerda vangardista como entre a dereita elitista. No regate curtísimo algúns queren identificar a Trump cos que aquí predican a unidade popular. Tranquilos. Non se albisca por fortuna un populismo na esquerda que, a diferenza do vangardismo de raíz leninista (stalinismo, maoísmo), sitúe ás masas fronte aos seus representantes democráticos. Esa é unha interesante e tranquilizadora novidade do presente. Ao preguntármonos que ameaza hoxe a democracia no mundo temos que volver a ollada contra vellos ismos ben coñecidos.