Se se bota unha ollada aos tres mellores sistemas de ensino do mundo -Finlandia, Corea do Sur e Hong Kong, os mellor valorados nos informes PISA-, vese que teñen un elemento común: profesores moi ben preparados -con longas e duras carreiras universitarias, e formación continua-, estimados e respectados pola sociedade, e ben remunerados.
En Finlandia optouse por desenvolver a responsabilidade dos alumnos, evitando a tensión, grazas entre outras cousas ás grandes axudas económicas que recibe o ensino, gratuíto totalmente. Nos outros dous países esíxese, pola contra, un gran esforzo de traballo aos nenos e adolescentes.
En España desde hai décadas dedicámonos a desvalorizar a figura do docente, por parte da sociedade, privándoo de respecto e autoridade, e por parte do Estado descoidando a súa formación, sen promocionar, nin recompensar, nin incentivar, nin sequera remunerar adecuadamente aos bos profesores.
Agora, tomando o rábano polas follas, algúns soñan co paraíso finlandés , e ala!, deberes fóra... Por que non soñar con eses nenos de Corea ou de Hong Kong que se lanzan aos deberes coma se fosen chupachús?
Non temos a sociedade nin os profesores que teñen eses países. Empecemos pola base se queremos construír algo sólido. A miña experiencia de corenta e catro anos de docencia lévame a pensar que suprimir os deberes só servirá para empeorar o noso degradado sistema educativo.