Un esforzo de todos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os casos recentes dos ex ministros Soria e Fernández Díaz non axudan. Algúns din que son cuestións menores. Non o creo así, nin polas persoas, nin polas responsabilidades que tiveron e para as que o Goberno os requería. Tampouco pola súa significación. Nin polos procedementos. A solución final que se lle deu ao ex ministro do Interior, instalándoo na Comisión de Peticións do Congreso, onde formalmente a oposición non ten capacidade de veto, é unha fórmula ben pouco presentable. Non son cuestións menores, aínda que parece que poida haber outras máis transcendentes. Non o son polas causas que desencadearon os contenciosos e polo que atinxe á necesidade de construír un novo espazo de relacións, confianza, saúde democrática, sobre o que inaugurar a nova etapa que tanto se publicita (e necesita), etapa que con situacións como as que comentamos parece difícil desenvolver.

Non sei se é unha cuestión de falta de sensibilidade, de compromisos adquiridos, de medo a que alguén turre da manta ou de soberbia. Pero o horizonte político, nestas circunstancias, non pinta ben. Refírome ao Goberno de España. A fotografía que, logo da investidura, presentaba o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo, cos representantes da oposición achegándose a darlle o protocolario saúdo de cortesía, se acaso anima un pouco máis. Agardemos da intelixencia do noso presidente que non cometa erros tan pouco exemplares.

Porque necesitamos un espazo de entendemento, un mínimo denominador común, alén da solución que algúns agoiran de terceiras eleccións en breve; e ese espazo común, que esixe unha axenda de cuestións básicas, depende de todas as partes, o que non significa renunciar á identidade de cada quen. Esixe por parte do Goberno, no caso galego con maioría absoluta, xenerosidade e intelixencia conciliadora. O poderoso sempre debe ter a iniciativa. No caso español, o talento necesario para xestionar unha realidade plural, que foi a que determinou nas urnas o conxunto da cidadanía, e unha nova actitude (explícita) para sancionar e corrixir condutas que dende hai tempo son o cancro do sistema (a corrupción).

Por parte da oposición, deberiamos esixir a mesma xenerosidade, sentido da proporcionalidade (os resultados electorais), análise do contexto no que nos movemos (Europa), precisión nos calendarios e definición desas prioridades a compartir, que non son poucas. E comunicación, para que a sociedade saiba de que se trata, sen medias verdades. Necesitamos ese espazo. Para falarmos de economía, de rexeneración democrática (recuperación da credibilidade nas institucións), política laboral, asistencia social, loita contra a desigualdade, educación (formación do capital humano cara ao futuro), propostas para a mocidade, organización do Estado (o caso de Cataluña non se vai resolver só!)… No caso galego, ademais do anterior, propoño sentarnos a falar dunha nova política cultural e lingüística. Aínda recoñecendo que moitos dos meus lectores considerarán todo o que levo escrito unha candorosa inxenuidade.