En Vigo, aquel 13 de agosto do 2009, chovían flores. Un rastro de vida e maxia. Algúns dicían que era o pó dos choupos dalgún río cercano, pero eu sei que eran flores. Milagrosas. Ela colleu a man del por primeira vez. Estalou no ventre un volcán de uvas. Digo, un crepitar de ansia. Leonard Cohen empezou cantando Dance me to the end of love. Había lágrimas, como curvas, que levaban ao edén. Creo que foi a medio concerto cando se declararon amor eterno. E aínda seguen. Estes días, aflixidos, arrastrando esa carga que traen as despedidas. Leonard Cohen. Medio poeta, medio triste. Mullereiro porque sabía que no adentro delas sempre nada unha sorpresa, un chafariz de luz e luces: quen está namorado sabe do que falo. Leonard Cohen cumpría todas as expectativas para matrimoniarse no Auditorio de Castrelos. Pero non un amor de catro días. Estirábase polas estradas que pisaron co seu utilitario con CD de cancións repetidas. Dende Suzanne a So long Marianne. A min contáronme que a súa vida é azulísima porque un 13 de agosto do 2010 coñeceron que a felicidade era posible, que se podía tocar coa punta dos dedos. Eses que saben que na pel reside a alma. Ela dedícase a amar e ser amada. El, que escribe libros que ninguén le, andaba de aquí para alá detrás do home do sombreiro. «Por tu amor me duele el aire, el corazón y el sombrero», recordaba a Lorca César Casal. Estes días, ela e el, deambulan perdidos. Recollen o neno no cole e recórdanlle que con dous meses entrou ao pavillón de Ourense, 12 de setembro do 2010, para escoitar só a primeira canción: Dance me to the end of love. Chámase Leonardo. Uns deixan tras de si un rastro de vida e maxia. Grazas, Cohen.