Movendo marcos

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar A SÍNDROME G

OPINIÓN

16 nov 2016 . Actualizado a las 17:10 h.

Lalín non quere baixar dos 20.000 veciños e Silleda querería chegar aos 10.000. A guerra fría non era nada comparada coa loita polo escaso recurso dos galegos de nación. Esta carreira reprodúcese por Galicia adiante como outro síntoma da nosa síndrome autóctona, que como o dinosauro de Monterroso anda por aquí, igual que servidor andou pola Feira de Santos, que existir tamén existe e dá gloria vela.

Lalín salvou ser concello de primeira categoría logo dunha campaña digna de Leónidas. Arrancou o 2015 con 20.005 veciños, e temendo caer a 19.882, remontou a 20.042 no Aninovo do 2016. Pero se nese período naceron 147 lalinenses e morreron 255, ou sexa, esfumáronse 108, de onde saíron os 37 que se engadiron ao censo? E logo hai xente que non cre na única relixión verdadeira e di que a matemática é ciencia exacta. A trindade non é misterio cabo desto. Ese superávit de neolalinenses seguro que non saíu dun exoplaneta, ou si. Poden ser retornados, poden ser inmigrantes bávaros, ou chineses. Poden ser, pero o máis probable e que fosen de Silleda, Vila de Cruces, Forcarei, O Irixo, Dozón, Rodeiro, Agolada... Así se entende mellor a campaña de Silleda -«En Silleda somos máis»- fronte á de Lalín -«Máis de 20.000 razóns ...» e #SeédeLalínéBo-. Como han comprender, detrás deste virtual movemento de marcos hai unha carreira por atinxir euros.

Esta lea minifundista clónase nos restantes concellos. Supoño que axiña chegará á capital para evitar o desplome de Santiago fronte a Ames, e ás outras grandes cidades pequenas. Neste xogo de suma negativa ninguén quere ver que esa non é solución, como tampouco sería que Galicia lle fixese algo análogo a Asturias, para que os de Vegadeo se galeguizasen en Ribadeo, ou para que os de Caminha se empadroasen na Guarda, por non falar de transplantar zamoranos en Ourense ou leoneses en Lugo. Ou viceversa.

Conviría recompilar algún día todas as medidas que os concellos galegos deseñan para sumar en positivo. Por exemplo, O Valadouro garante 600 euros por neno. E como di a súa Ordenanza de axudas para o fomento da natalidade (BOP de Lugo, do 15 de outubro do 2016): «Esta medida de apoio encontra o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todos, é lexítimo que entre todos se axude ós pais». Foi aprobada por unanimidade (PSOE+PP+BNG), como debe ser toda medida de alcance xeracional.

Mover marcos é un tópico galego en desuso. Se non hai xente, a ninguén lle interesan as leiras nin os seus marcos. Pero igual que o costume de mover os marcos esmorece no eido civil, vai medrando no administrativo. Se cadra por vez de mover marcos cumpriría falar en propiedade de transplantar xente, pero alguén pode lembrar a Cromwell na verde Eirín, polo que resulta pouco axeitado. Apostemos polas sumas positivas e non polas negativas, de restarlle veciños aos colindantes para facer que taponamos a sangría sen fin por falla de relevo dos que morren, sen dar a magra e interesada escusa da emigración.