A precariedade empobrécenos a todos

Manuel Lago
Manuel Lago TRIBUNA

OPINIÓN

31 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ir do particular ao xeral é un principio básico nos métodos de investigación: empézase coñecendo a realidade concreta para elevala despois á categoría do colectivo. Para coñecer a realidade social dun país hai que saber o que lle pasa á súa xente, isto é, descubrir cales son os problemas e desafíos que afrontamos como sociedade a partir da peripecia vital dunha persoa. Por exemplo, a de Olalla C. F., a traballadora que apareceu neste xornal para explicar as condicións de traballo pouco decentes dunha boa parte das persoas asalariadas de Galicia.

Olalla traballa no sector do telemárketing e percibe un salario neto de 742,30 euros ao mes. É un salario decente? Abóndalle para vivir de xeito digno? A resposta, evidentemente, é que non. Velaí un problema persoal e social porque, con eses ingresos, Olalla nin pode plantexarse aos seus 27 anos un proxecto vital autónomo e, moito menos, ter familia. Daquela, é doado entender que parte dos gravísimos problemas demográficos que sufrimos están ligados á precariedade laboral.

Olalla leva oito anos traballando no sector, pero aínda que o seu contrato é indefinido -e non precario como o que ten a maioría das persoas que traballan no sector- e que ten formación universitaria, sabe que non vai ter unha carreira profesional que lle permita progresar de forma significativa nas súas condicións de traballo.

E aquí saltamos do laboral ao económico e social. Con emprego precario e mal remunerado en actividades dos servizos de baixo valor engadido, o futuro do país é moi negro. Os salarios tan baixos non xeran ingresos (cotizacións e impostos) suficientes para sustentar o Estado de benestar, é dicir, unha sanidade e unha educación de calidade ou un sistema público de pensións coas características que ten hoxe.

Pero hai máis. Os salarios e as prestacións son a fonte principal de ingresos do 87 % dos fogares galegos e, ao seren tan baixos, reducen o gasto, o que, asemade, debilita o crecemento económico necesario para xerar emprego e benestar.

Ese traballo precario con salarios escasos en actividades de baixo valor está sometido a unha estrutura empresarial inaceptable: Olalla traballa formalmente para unha ETT, contratada pola súa vez por unha empresa que é subcontrata doutra que, ao cabo, coma todas as empresas de atención telefónica, traballan para as grandes compañías de telefonía, da banca ou da enerxía. Agora chámanlle «descentralización», pero parécese moito ao que antes denominabamos «cesión ilegal de traballadores»: a utilización da subcontratación como pantalla para desvalorizar as condicións de traballo.

Este non pode ser o modelo económico do país porque nos empobrece a todos. O camiño debe ser xusto o contrario: emprego estable con salarios decentes que permitan desenvolver proxectos vitais, con persoas formadas e cualificadas en tarefas con alta produtividade, que traballan en empresas capaces de xerar riqueza, o que permite recadar cotizacións e impostos para financiar servizos e prestacións públicas de calidade.

E imos mal, porque Olalla pon nome a unha situación moi estendida: no 2014 había 300.716 persoas asalariadas en Galicia que cobraron por baixo do salario mínimo interprofesional daquel ano, 654,30 euros ao mes. Isto significa que unha de cada tres persoas asalariadas en Galicia era un traballador pobre. Por iso o Parlamento de Galicia ten que falar de Olalla, porque empezando por un caso concreto se acaba entendendo onde está a orixe dos problemas da sociedade e mais do país.