Ferrante

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os misterios literarios son marabillosos e, por desgraza, pouco habituais. Deles, o mellor era o de Elena Ferrante. ¿Quen era Elena Ferrante? ¿Quen estaba detrás dunha saga magnífica que retrata a Italia da segunda metade do século XX a través de dúas amigas e da cidade de Nápoles? Un xornalista dunha publicación financeira disque investigou xustamente así, fiscalmente, coma se fose un delito que unha novelista estupenda pretenda permanecer no anonimato. E descubriu que Elena Ferrante é Anita Raja, unha tradutora casada cun coñecido novelista a quen se lle teñen atribuído tamén esas obras. 

Pero de paso, deitou sobre ela a sospeita. A sospeita sobre ousar enriquecerse coas súas novelas. A sospeita sobre atreverse a reivindicar todo o protagonismo para a novela e non para a autora. Claudio Gatti, que así se chama o xornalista, cre ter feito un acto de xustiza. Pero en realidade só demostrou que a razón está do lado de Elena Ferrante porque, fóra do rebumbio propio, vén dando igual se a que inventou a Elena Greco, á fascinante Lina, ás súas bonecas, aos irmáns Solara e ese crisol de persoas que poderían ser calquera, come, ama ou opina igual ca os seus personaxes. Eu alédome de que se fixera rica. Outros, como ela mesma conta, amasaron riquezas indignas cuxa historia merecería o tempo que Gatti perdeu procurando a Ferrante.