Quédanos o Sireno de Paco Leiro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, en Vigo, volvemos falar do Celta, o noso Celtiña, que seica xa está practicamente en mans dos novos propietarios chineses. Non é o único club de fútbol nestas circunstancias, obrigado a cerrar contratacións, estratexias e liñas de negocio en Singapur. Como diciamos na marea da semana pasada, son os tempos. O capital vén e vai alí onde considera que hai negocio, por riba de patriotismos e fronteiras, e a propiedade ten lexítimo dereito a dispoñer de si (das súas accións) como mellor lle conveña. 

Onte falamos do Celta e, inevitablemente, acabamos falando do país, da Galicia que nos doe e que nos afecta. En vésperas de novo Goberno, mentres o presidente matina posibles liñas de actuación e consellerías, moitos galegos e galegas temos a sensación de estar asistindo dende hai anos a un proceso de despezamento, desguace, liquidación xeneralizada, coma quen vive nun estaleiro vello ou nun chambo. Sei que pode parecer moi duro, pero se ollamos cara atrás nos últimos tempos: no sector enerxético, no sector pesqueiro (na acuicultura sobre todo), na minería, na explotación de infraestruturas, na construción naval, na automoción, no sector financeiro, na comunicación, practicamente en todos os ámbitos de crecemento e creación de riqueza, alí onde Galicia tiña capacidade de decisión e, xa que logo, de desenvolvemento, esas capacidades emigraron.

Diciamos a semana pasada, falando do Celta, que isto non é malo nin bo en si mesmo, non é cuestión de aplicar criterios morais: son os tempos (a globalización). Inditex representa o contrario: expansión e compra de activos. Pero Inditex é a excepción dunha regra que nos está baleirando. E deixámonos baleirar: se cadra por preguiza, se cadra por falta de visión de futuro, por impotencia e carencia de recursos, ou por moitas destas razóns xuntas, incluído o feito de que nos esteamos facendo vellos. A caída demográfica é outro síntoma. Necesitamos autocrítica.

A cidade de Vigo, músculo e pulmón de Galicia, tiña tres referencias históricas: o periódico local, a caixa de aforros (auténtico emporio económico que serviu de motor industrial e cultural do sur do país) e o Celtiña. Dun xeito ou doutro, alá van todos. O periódico mercouno en 1986 un novo propietario e incorporouno a un grupo de comunicación con capacidade de decisión fóra de Galicia. Non houbo xeito daquela de que as familias ou as grandes fortunas viguesas, que algunhas había, desen conta do futuro do xornal, que se vendeu ben barato, por certo. Outrosí cando a lideira das caixas, unha estratexia española de gran alcance que deixou a viguesa ao pé dos cabalos. E agora o Celta. Aínda non houbo ninguén que puxese enriba da mesa unha oferta para o club. Sería un erro, unha simpleza, culpar da situación ao actual propietario, que ten 73 anos e, en circunstancias ben atravesadas, levantou a entidade e sacouna do pozo co seu traballo e coa súa fortuna persoal. O problema somos nós, as capacidades da sociedade no seu conxunto. Quédanos o Sireno de Paco Leiro, chantado na Porta do Sol.