Maracaibo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Antes de que Paco e Amalia emigrasen a Andorra, Ana e Bernardo marcharon para Venezuela. Por alí andaron uns anos. Regresaron máis morenos e el cun trofeo na maleta. Foi o primeiro que nos comentou. Todos estabamos intrigados pola orixe daquel triunfo do que tanto presumía. Imaxinamos que Bernardo, que xogou de líbero nos xuvenís do Hospitalet e que alternou co mítico Francisco Fernández Gallego, traería de Venezuela algunha medalla conmemorativa dun partido entre solteiros e casados en Caracas. Pero non. Quedamos de pedra cando confesou que o seu trofeo era de campeón de tenis en Maracaibo: «Bernardo González. Campeón de tenis. Venezuela»· É a inscrición da placa, tallada en ouro de lei. Iso é o que nos dixo, porque en realidade trinta anos despois ningún dos amigos conseguiu contemplar o trofeo. Tamén asegura que ten unha foto con dúas guapísimas azafatas cando recibiu a acreditación da súa proeza. Tampouco a vimos. Ao longo dos anos -Juan Ramón o do estanco especialmente- temos implorado por contemplar o galardón. Non o conseguimos. A presión foi en aumento ata que recentemente alguén berrou, farto do trofeo e das guapísimas azafatas e do tenis: «Tes máis conto que o poeta» (o poeta son eu). El, que sempre foi elegantísimo e cortés, nin se inmuta. Ou iso aparenta. Segue presumindo de passing?shot e límitase a dicir, cando ve a Nadal no televisor: «Eu puiden ser coma el». A verdade é que non sabemos se rir ou chorar. Porque Bernardo nunca nos pareceu tenista. E moito menos dende que un xoieiro de Verín preguntou no estanco do Juan Ramón: «¿Podes darme o número do Bernardo? Xa lle acabei o encargo». Quizá na próxima cea os amigos poidamos ver, por fin, o trofeo de Maracaibo.