Moitas veces prendo a televisión coma se se tratase dunha radio. É dicir, que non miro para ela. Mentres fago outras cousas, como pasar o ferro, cociñar, mirar os titulares no xornal... teño a tele posta para que me vaia radiando as novas do día. Nunha destas, mentres eu tiña os ollos noutro quefacer, unha voz de tres aniños dime: «Mira, Rajoy!» Levantei os ollos cara a pantalla e si, alí estaba el. Sorrín, algo sorprendida, e volvín ao meu. «Mira, Pedro Sánchez!». Insistiu en chamar a miña atención a voceciña doce. Mirei pero non estaba. Ou si, pero non o vin. Alí atrás indicoume a pícara. En efecto, había un cartel no que se vía a súa imaxe. Xa había que poñerlle atención!
Descoñezo se a nena sería quen de recoñecer a máis políticos, porque as noticias cambiaron de torna e eu volvín ao meu. Daquela maneira, pois na cabeza quedoume moendo a incógnita de por que un neno de tres anos, amais dos debuxos animados, recoñece aos líderes políticos na televisión. E fixen o que fan eles para saber: preguntar. O diálogo foi este:
-Aniña, e ti por que sabes quen son Rajoy e Pedro Sánchez? -Porque si. -Pero quen cho dixo? -Ninguén. -Non cho ensinou ninguén? -Non, pero saen na tele. -E que fan? -Nada. -Nada non, algo farán para saír na tele, digo eu! -Pois... falar. Falan.
Comezou a mover as súas manciñas e os brazos como se estivera a dirixir unha orquestra. Supoño que imitando aos políticos diante dun atril.
No fondo, sabemos o que nos ensinan. Non quero pensar que é o que calan.