Suárez non quixo ou non soubo capitanear a UCD ata que se decatou de que era un barco á deriva, con baróns enfrontados entre si e que chegaron a cuestionar o seu liderado. En procura dunha pacificación imposible, trocou o Goberno en maio de 1980, pero en xullo os baróns reuníronse con el nunha finca en Manzanares el Real -bautizada pola prensa como «la casa de la pradera», en alusión a unha popular serie de TV-, nun encontro que o ministro Arias Salgado cualificou de irresponsable conspiración contra o líder.
Suárez volveu cambiar o Goberno o 8 de setembro para facer un novo reparto de poder, e o 19 quixo contar co apoio do partido presentando unha moción de confianza á cámara para levar adiante un plan de austeridade económica e de política autonómica. O partido apoiouno, pero Herrero de Miñón publicou en El país un artigo demoledor, titulado «Sí pero?», no que dicía: «Sí a la decisión de gobernar de una vez»; «no al caudillaje arbitrario que pretende ocultar la irremisible pérdida del liderazgo político en el partido, en el Parlamento y en el Estado». Días despois impúxose por amplísima maioría ao candidato de Suárez como xefe do grupo parlamentario de UCD. A rebelión era imparable.