O escenario para a formación dun Goberno do PP

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O escenario actual no que o PP intentará formar Goberno foi moi ben construído polo propio PP dende que gañou as eleccións do 2011 e moi especialmente dende as pasadas de decembro do 2015. Primeiro retirou do escenario de calquera posible pacto aos partidos nacionalistas e territoriais. A razón era o novo desafío catalán, o tradicional desafío vasco e, como ben expresou o líder do PSOE que mercou axiña a idea: agora até piden o dereito a decidir para Galicia. A ameaza de rachar España construída sobre a versión máis rabudamente centralista do PP foi manexada para marcar uns lindeiros que ningún partido estatal podería traspasar (PSOE, Ciudadanos) ou sabería como superar (Podemos). O éxito foi tal que mentres o PP quixo, impediulles pensar aos demais en calquera posibilidade de pacto con partidos nacionalistas clásicos.

En segundo lugar, coa súa consumada habilidade para agardar e enlear, Rajoy -epítome da resiliencia- logrou cansar a todos entre as eleccións de decembro e as de xuño. A todos os partidos e a todas as persoas con dereito a voto que non o votan a el, enténdese. Por iso, o seu grande argumento dende as últimas eleccións é: a xente está cansa de votar e sería unha broma repetir as eleccións, consciente como é de que os aburridos son os electores dos outros partidos, non os seus, e que nunha terceira oportunidade roldaría a maioría absoluta pola vía de mandar á abstención unha parte dos votantes dos seus competidores. O éxito táctico foi tal que os voceiros dos demais partidos claman contra a terceira repetición porque temen seguir empeorando como na segunda.

En terceiro lugar, entre unhas e outras eleccións, o PP logrou asustar moito e ben aos electores propios -e parte dos contrarios- coa idea de que os radicais e populistas podían tirar pola fiestra todo o que como sociedade levábase logrado nestas décadas de democracia. Unha idea forte con dous complementos: que o potencial sorpasso ao PSOE amosaba a inutilidade deste vello partido para frear aos radicais; que non era serio votar ao novo partido Ciudadanos, por parte da xente de orde, aínda que fora por ese asunto de corrupción -que por outra parte depende das persoas e non dos partidos-, pois só servía para debilitar ao único capaz de parar aos radicais: o PP.

Agora, despois de sete meses de desgaste, no proceso de por fin Rajoy intentar formar Goberno, quedan claras dúas cousas para quen non as tivera ou as agochara. A grandiosa capacidade do PP para marcar axendas, límites e condicións no sistema español de partidos e, máis importante, para definir o discurso político público dominante. A segunda, que hoxe en día, sen partidos territoriais e nacionalistas non pode gobernarse iso que se chama España, coma acontece por certo dende 1869. Esta última constatación seguro que foi unha sorpresa para as voceiras e falabaratos que, como confesaba o luns Miguel-Anxo Murado -parabéns polo merecido premio-, en vez de pensar o mundo e razoar sobre a realidade exhiben tendenciosamente argumentarios partidistas. O PP como actor político colectivo vén de sorprender a moitos.