Un can é un bo gardián dun horto. Non come verduras e, por tanto, o seu amo non terá que preocuparse de vixialo para que non se coma as súas colleitas. E, ademais, como calquera can , non permitirá que persoas ou animais vexetarianos entren alí a comer sen permiso do seu amo. Así que o amo está satisfeito e o horto ben coidado. Pero o que está ben no can non o está nas persoas. Lope de Vega púxoo de manifesto na súa comedia El perro del hortelano. A condesa Diana está namorada do seu secretario Teodoro, pero, dada a súa diferente clase social, non pode casar con el e, dado o seu orgullo, négase mesmo a recoñecer os seus sentimentos. O único que fai é impedir que o seu secretario case con outra muller; nin come nin deixa comer, como o can dun hortelano. Conduta que só a satisfai a ela.
De igual modo está a actuar o PSOE: nin goberna nin deixa gobernar. Non goberna porque a cidadanía non lle deu os votos suficientes, e non deixa gobernar porque non lle dá a gana e quizá porque quere facer pasar a Rajoy pola humillación dunha investidura frustrada. O único satisfeito é Pedro Sánchez e o seu grupiño. O horto está descoidado e os cidadáns fartos da situación. Confiemos en que os que están a facer de can do hortelano se decaten de que é unha postura antipática que non lles vai dar votos, e que polo menos por iso, xa que non polo ben da nación, cambien de postura.