Palabra de Casares

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Miña nai escribiu un conto titulado O porco verde, baseado nun debuxo que fixen de pequena. Para min sempre foi posible que existisen os bacoriños desa cor, como para Casares existía A galiña azul. Como non achegarse a esa historia, se xa chamaba por nós o título?

Como non saber, por iso, quen é o escritor ao que se lle vai dedicar as Letras Galegas? Imposible. Pero ademais, de rapaza, coñecín persoalmente a Carlos Casares. Esa timidez inicial que me caracteriza impediume achegarme máis do que me pedía o corpo e corazón. Estar preto del é desas imaxes que unha grava na memoria sen decatarse e que volven de cando en vez, máis cando collo un lapis, escribo ou leo, penso ou soño esperta.

Nunha cea na que o tiven preto, observeino desde a miña cadeira, próxima á súa. Creo que gravaba cada instante na súa memoria, para logo contalo. Non me daba chegado o momento de escoitalo falar. Fíxoo enfiando as palabras tranquilo, cunha naturalidade que engaiolaba. De súpeto, entendín que estaba dentro dun conto. Era un orador extraordinario. De aí a maxia de saber escribir con esa fluidez, agochando os fíos que cosen as palabras buscadas, estudadas, corrixidas, meditadas... traballadas. Porque amais do talento, nos seus escritos había moita perfección e oficio.

A min alédame que o honren, porque el levou a nosa literatura ao máis alto. E aínda hai algo máis que me emociona: escribiu para os pícaros. Só os nenos coma el poden saber onde están As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.