Cen obxectos para contar Galicia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

04 jul 2016 . Actualizado a las 16:24 h.

O mundo das pequenas/grandes cousas. Da man de Manuel Gago (comisario), e coa colaboración de Afundación e Abanca, o Consello da Cultura Galega proponnos unha viaxe pola historia, a identidade e a cultura de Galicia a partir da escolla de cen obxectos representativos de distintas épocas, distintos momentos históricos, diferentes niveis e clases sociais, actividades e sucesos que nos significan como cultura e como nación. En palabras de Ramón Villares, «os obxectos acaban por se converter en algo construído». Os obxectos falan. Dende o pozo da memoria e dende a contemporaneidade. O cidadán pode asistir á mostra en Compostela e, a partir de setembro e ata final de ano, nas cidades de A Coruña e Vigo.

Oxalá a viaxe poida continuarse pola xeografía toda do país (xa non digamos por esas outras Galicias que fóra do territorio administrativo tamén existen). Os obxectos falan, neste caso dialogan cos textos encargados a persoas de distinta especialización (escritores, técnicos, científicos, profesores) que, con criterios moi diversos, enriquecen a ollada do visitante con novas perspectivas, ás veces parciais, ou moi persoais, pero que forman parte dese novo xeito de presentar e enxergar as cousas (a realidade nosa). Fronte a Historia narrada dende os grandes acontecementos e os grandes personaxes, que é coma dicir narrada dende o discurso do poder, os obxectos teñen palabra de seu: a picaraña que traballa a pedra, a caldeireta do leite, o pupitre das vellas escolas, unha campá, e medida do ferrado, unha lata de conservas, unha botella de auga de Mondariz?

Tamén hai obxectos fortemente marcados pola historia: as cadeas onde disque tiveron preso ao mariscal Pardo de Cela denantes de decapitalo na praza grande de Mondoñedo, o teodolito con que Domingo Fontán mediu o mundo por primeira vez, a bandeira do Consello de Galiza, o mosquetón de Foucellas? E a bicicleta de Delio Rodríguez, que gañou a Volta Ciclista a España no ano 1945 e disque é o corredor que máis vitorias de etapa ten na historia desta competición; e o futbolín que o editor Alexandro Finisterre inventou nos campos de concentración para vencer á súa maneira a depresión e a derrota, e os primeiros televisores, e a máquina de coser Refrey, que se fabricaba en Vigo e estaba en todas as casas da posguerra (e na emigración)? Os obxectos falan, teñen historia de seu, e o espectador fala tamén dende a súa memoria ou experiencia propia, pois o relato sempre se constrúe a dúas bandas: dende quen emite e dende quen recibe.

A estratexia expositiva é unha técnica moi útil para presentar moitas cousas que non sempre damos atopado ou reconstruído nos libros. Nestas mesmas datas pode o visitante achegarse á Cidade de Cultura, onde Miguel Anxo Seixas propón outra viaxe semellante, neste caso a través da costura e, máis perto de nós, a industria da moda. E axiña, no Museo do Pobo Galego, as Irmandades da Fala, que están de centenario. Recomendacións para disfrutar destes primeiros días de verán.