O nacionalismo galego existe... e persiste

OPINIÓN

02 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O debate sobre o nacionalismo galego e, en concreto, sobre o BNG, está cheo, no meu xuízo, de atentados contra a lóxica. Adiantando a conclusión, direi que se decreta que o nacionalismo galego xa non é alí onde existe -o BNG- e, asemade, afírmase que existe onde, desde o comezo, xa se renunciou a el, por alianza-subordinación a forzas políticas españolas de obediencia estatal. A curto prazo, familiarizar a povoación con esta fabricación intereseira cumpre unha dupla función: contribuír a desgastar o BNG e sobredimensionar o pretenso ingrediente «nacionalista» de Podemos-IU-Mareas para neutralizar o nacionalismo onde realmente existe -BNG- e, ao tempo, rebaixar as expectativas eleitorais da coaligación, que xa cumpriu a súa función: lañar o espazo do nacionalismo basco, do catalán e do galego, por suposto, con características e consecuencias moi diferentes.

Predicar a morte do galego é traballar para que ela se produza. Isto afirmaba Murguía hai máis de cen anos. Mutatis mutandis, dar por certa a extinción ou irrelevancia do nacionalismo galego -a despeito de todas as evidencias- prográmase para que o desexo se converta en prognóstico. Quen así pensa mal coñece a historia. Quizabes haxa poucos que lembren como a policía española infiltrou no seu día elementos incendiarios para inculpar afiliados da AN-PG ou como a tan pregoada transición española foi tan modélica que, á altura de 1977, negou a legalización a esa organización e á UPG, obrigándoas a se presentaren como agrupación de eleitores. Exemplar! Só dous casos entre ducias deles que puidéramos relembrar. O auto-odio que tanto nos maleducou ben sei que lle chamará a isto «vitimismo». Vaia por Deus! Agora nen sequer temos dereito a descreber feitos obxectivos que como tais existiron.

O nacionalismo galego na súa expresión política, o BNG, ten un grave problema eleitoral, por tanto, de apoio social, de respaldo activo das galegas e galegos en función de quen existe. Ninguén ten interese en ocultalo ou en disimulalo. Ora ben, deste feito non cabe inferir liquidación ou disolución. Non temos a menor vontade de suicidio colectivo. O nacionalismo galego contemporáneo non renaceu por capricho ou por casualidade. É a expresión política dunha clamorosa necesidade. A de lograr que os problemas e a marxinación do povo galego se verbalicen, se diagnostiquen e merezan unha solución. É unha resposta e unha alternativa. É a forma que adopta a materia «esquerda» nunha nación como a nosa. Velaí a súa utilidade e a súa necesariedade. Recoñecer que a atmosfera mundial, europea e estatal recruou a súa hostilidade ás organizacións democráticas nacionais nunha globalización a cada paso máis agresiva non debe evitar a necesaria autocrítica e unha ineludíbel mudanza innovadora dos métodos de traballo e da pedagoxía política. O nacionalismo galego, en fin, existe... e persiste.