Agradezo moito calquera mostra de achegamento. Aínda que son gran defensora da intimidade, tamén recoñezo que o animal social vive en min e preciso do contacto cos demais. Aprendo. Medro. Sinto.Cando alguén me convida á súa casa, agradézoo, porque é coma agasallarme algo de si mesmo. Poderiamos estender fogar a outros niveis. Poño por caso unha entrevista nun medio de comunicación. É coma a casa laboral de cada un, certo, pero tamén unha ventá á que asomarnos para que nos vexan.
Celebro, polo tanto, as entrevistas que me poidan facer. Iso si, antes de presentarme, se non coñezo ao anfitrión (medio, programa, locutor...) intento informarme. Se se dera a feliz casualidade de ser chamada para un medio doutra lingua diferente á miña, trataría de aprender, como mínimo, unha presada de palabras.
Un saúdo, un agradecemento, unha despedida. Pareceríame un feito marabilloso que alguén dunha cultura distinta se interesase polo traballo realizado, porque o idioma xamais debera ser unha barreira.
E eu estaría feliz, pero hai quen non. Hai uns días un autor dun libro sentiuse incómodo na RG porque, tras demostrar que entendía o galego á perfección respondendo ás poucas preguntas que se deixou facer, lle estaban a falar na nosa lingua. Previamente a entrar en antena preguntaran se comprendía o idioma. Colgou. Por despedida: «No me gusta nada que me hables en gallego». Nin a min as faltas de respecto. E dun escritor!, que tería que dar exemplo. Nin modais, nin elegancia, nin cultura.