O tamaño si importa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Que non, María, que ao tamaño dos peitos non se lles dá tanta importancia coma ti dis, faime caso. Pero María, eu, non facía moito caso, porque estaba completamente convencida de que levaba razón, que ao físico da muller se lle segue a esixir máis da conta. Non só iso, moito máis ca ao dos homes.

De cando en vez sábese de condutas (totalmente reprochables) que así o demostran. Non hai nada que se publicitaba unha curiosa oferta de traballo nunha localidade galega, pero ben podería ser calquera outro lugar.

Buscaban camareira. Ata aí, ben. O que me fai levar as mans á cabeza son os requirimentos esixidos: «bo peito» e «mínima experiencia».

Ou sexa, o que importa é o peito. Que sexa bo, entenda o que entenda o anunciante que é bo. Imaxino que ben grande, pero para gustos xa saben que non hai nada escrito.

Comezaba a acumulárseme a xenreira cando avancei na nova. A entrevista, por Skype, debía desenvolverse en roupa interior. Ela, a demandante, claro. Porque entendo que o entrevistador iría vestido de arriba a abaixo.

Indigno e indignante. Deprimente. Denigrante. Un insulto!

Por se lles parecía pouco, o soldo tiña o seu aquel, xa que a alta remuneración, aínda non especificada, quedaba ligada a relacións esporádicas co director.

Pois si, señores, este é o país que temos. Busquen outros anuncios semellantes, porque seguro que os atopan. Iso si. Fagan a proba para contratar un camareiro. Podo asegurarlles que non darán con nada semellante. Esta é a nosa sociedade igualitaria. Peniña.