Do choio ao chollo

La Voz A VOO DE TECLA

OPINIÓN

21 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz ten por norma reproducir a fala dos declarantes ou entrevistados, grazas ao cal este diario se converteu en palestra cotiá de avances, recúos, harmonías e choques do sistema lingüístico (diglósico) galego. Así, non hai moito recollía as ideas dunha señora responsable do control do consumo nas que aparecía a palabra choio co uso doutra, chollo. Para calquera persoa galega, que xa falase con seguranza antes de aparecer a televisión no Impaís (ano 1961), choio era sinónimo de traballo, tarefa, esforzo..., e choiar víñao sendo de traballar, aplicarse, dobrar o lombo. Cando algo se acadaba doadamente, a xente dicía que era unha ganga, coincidindo nese termo co castelán.

O profesor Higino Martins Esteves (que con tal grafía escribe) recomenda ler a modo o seu Etimologias obscuras ou esconsas. Léndoo logo aos pouquiños, chegamos a choio, que vén sorprendentemente de choer e significa o xa dito. Nun comentario sobre a palabra, Martíns Estévez advirte da confusión entre o i case consonante e o elle, fenómeno moderno e subsidiario do que nos impuxo a TVE, falada en madrileño. Ese empobrecemento fonético leva a confundir un chollo -só de Madrid, non español- cun choio galego (como a substituír o choiar galego co currar madrileño en orixe). En fin, unha mágoa.