Un vello amigo, bastante máis sabido ca min nas artes da política, advírteme con cariño de que o meu problema cando me poño a opinar destas cuestións, e sospeita que o problema doutra moita máis xente, é que tendemos a confundir os desexos a longo prazo coas necesidades a curto prazo. Os desexos a longo prazo son as boas intencións, as causas xustas, a conquista dunha sociedade mellor, que é un anceio lexítimo e histórico da humanidade, pero que todo iso (o estado ideal das cousas) hai que concretalo coa leria de cada día, coa administración doméstica da circunstancia, ¡a prosa miúda!, e aquí é onde empezan os problemas.
Seguramente o meu amigo ten razón. Cando escribo estas liñas todo fai pensar que o 26 de xuño, se non se produce unha reviravolta non previsible, haberá nova convocatoria de eleccións xerais. E se cadra tamén para o Parlamento de Galicia, variable que non debemos desbotar. A tan pouco tempo vista, as cartas están case que todas xogadas, e se pensamos nunhas posibles eleccións autonómicas, case diría que non hai cartas: o único candidato formal para tal convocatoria é o líder do Partido Popular, actual presidente da Xunta, Aberto Núñez Feijoo. A alternativa nestes momentos é unha incógnita, por non dicir que un misterio.
¿Quen gaña ou perde as eleccións? ¿O poder, que debemos supoñer gastado polo exercicio do goberno, ou a oposición, que debería ser a alternativa do cambio e, para os seus potenciais electores, da esperanza? En momentos de desesperación, cando todo o sistema semella que vén abaixo, as solucións radicais poden producir viraxes radicais. Así sucedeu na saída da ditadura/ditabranda de Berenguer en 1931, a caída da monarquía de Alfonso XIII e a chegada da Segunda República. Mais en situacións máis estables, ou aínda non tan desesperadas, o cambio tende a producirse en función da alternativa que se presenta: a proposta que dende a oposición se formula para ilusionar as vontades do electorado e acadar a confianza necesaria dos votantes. E aquí, neste segundo termo do binomio, é onde está, na miña opinión, a esencia do problema.
O deterioro do partido que nos últimos anos veu detentando o poder, con maioría absoluta, é un feito obxectivo. Non resultou edificante o proceso destes últimos meses, dende a pasada convocatoria do 20 de decembro, co presidente en funcións, Mariano Rajoy, traballando «á galega» e a posible alternativa de Goberno incapaz de construír unha proposta crible para afrontar unha mudanza da situación. «Era esencialmente imposible», di o meu amigo. ¿E en Galicia, se cadra a poucas semanas dunha nova convocatoria? ¿Onde están os líderes, os candidatos, os programas, as propostas de recambio, maduradas na reflexión e no traballo de equipos cualificados para levalas adiante, alén dos grandes pronunciamentos retóricos?
Non é a primeira vez que falo disto. A cultura do curto prazo, a visión inmediatista da acción política, instalada no negociado duns poucos, cerra o horizonte e radicaliza a desafección. Alguén xa está botando as contas para que nada cambie.