O fin das cotas lácteas trouxo un escenario cando menos estraño. Os responsables da política agraria comunitaria, a pesar de falaren de aterraxe suave para despois das cotas, cometeron un erro de alcance, que ten a súa orixe, por un lado, nunha previsión optimista da evolución da demanda mundial de produtos lácteos e derivados, e por outro, por crer que nese contexto se podía pasar dun sector altamente intervido a un sector liberalizado, no que os actores poderían vivir nun mundo feliz sen intervención pública. A realidade foi ben distinta.
O remate das cotas levou ás principais rexións produtoras a aumentaren a produción para gañaren cota de mercado, pero este aumento non se viu acompañado pola demanda. A crise económica fixo que países como China reduciran o consumo de produtos lácteos e o mesmo aconteceu nos países produtores de petróleo. A isto hai que sumar a caída continuada do consumo nos países desenvolvidos e o veto ruso. O resultado é unha crise a nivel mundial motivada por un exceso de oferta.
Esta situación non é a mesma en todos os países. A maioría deles contan cun plan estratéxico, saben cara a onde van e están adoptando as medidas para saír fortalecidos cara ao futuro, incluso reformulando os seus modelos produtivos. Que pasa en España? Pois que aquí non temos unha estratexia máis que a de esperar a que o problema se resolva só. Os catro actores da cadea van por libre e tampouco coñecemos as propostas dos partidos políticos na oposición.
Os gandeiros fináncianse uns aos outros, xa que mentres uns cobran os prezos máis altos de Europa, os outros os máis baixos, sendo o prezo medio igual ao que reciben os gandeiros alemáns.
As industrias renunciaron a liderar unha estratexia sectorial e operan con visión a curto prazo: as grandes cooperativas, Clas e Lactogal, continúan inmersas nos seus problemas internos; as outras dúas, Iparlat e Covap, subsisten maquilando para Mercadona; Pascual trata de abandonar o negocio do leite; Reny Picot aprovéitase da situación comprando leite de saldo para expulsar dos lineais aos que o compran a prezo razoable, e mentres tanto, o líder, Lactalis, está esperando a que todo empeore para ocupar os espazos que deixen os outros. O resto fai o que pode, que non é moito.
A Administración, mentres tanto, puxo en marcha o paquete lácteo, co que conseguiu desvertebrar aínda máis as relacións entre gandeiros e industrias, deixando á distribución libre na súa estratexia de debilitar o sector primario, traspasando valor deste cara a outros.
Ante esta triste realidade, pensamos que en Galicia, sendo a novena rexión produtora de Europa, é necesario elaborar un plan estratéxico que nos permita saír fortalecidos desta situación, e sobre todo, saber cara a onde queremos ir. Cara ao futuro é imprescindible reformar o paquete lácteo e dotar de transparencia á cadea de valor ao longo de todos os elos, de tal xeito que, ao igual que coñecemos todo entre as industrias e os produtores, coñezamos tamén o prezo real que a distribución paga á industria, incluíndo os cargos indebidos que aplica. No sector primario non se deben consentir prácticas abusivas que comprometan o seu futuro, por moito que sexan ben vistas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, que ás veces parece defender máis os intereses dos grandes lobbies que os dos consumidores e produtores.
No marco do plan estratéxico deberíase definir cal é o tipo de explotacións leiteiras que queremos no futuro. En EE. UU. hai unha granxa con máis vacas que en Mazaricos. Este modelo, aparte de ter un forte impacto ambiental, é moi vulnerable pola súa dependencia de insumos do exterior. Temos que facer leite con terra e para iso é preciso ordenar o territorio e ampliar a base territorial das explotacións.
Os gandeiros deben definir os modelos de organizacións profesionais para incidir nas relacións da cadea de valor e saber distinguir os aliados dos inimigos. Tamén neste campo o pasado parece estar superado.
Da industria autóctona non se pode esperar moito. Por iso, xa que non fomos quen de crear unha Zara do leite, deberíamos conseguir unha Citröen láctea con capacidade industrial e comercial para defenderse no mercado peninsular e levar o leite ao resto do mundo cando sexa preciso. Para logralo é necesaria a implicación do Goberno de quenda, que deberá ter unha estratexia para os grandes operadores e non só actuar por medio do BOE con experimentos errados.
A nivel externo, debemos reclamar da UE a dilixencia necesaria para que ante situacións de mercado complexas, sexa capaz de adoptar e aplicar medidas a tempo, sobre todo cando hai consenso político para facelo. En definitiva, consideramos que o sector lácteo galego ten futuro pola súa capacidade demostrada de superar dificultades, pero debido á súa importancia para o país, precísase dunha maior implicación de toda a sociedade, especialmente dos Gobernos e dos partidos políticos, porque son os que poden crear as condicións axeitadas para que todo sexa mellor.