O 30 de novembro de 1977, o grupo de teatro Els Joglars, que dirixía Albert Boadella, presentou en Reus a obra La torna; dous días despois foi prohibida pola autoridade militar e Boadella chamado a declarar. Acusado de inxurias ás Forzas Armadas, ingresou no cárcere Modelo de Barcelona á espera do consello de guerra. Ante o escándalo que a detención produciu en España e Europa, a Oficina de Prensa da Capitanía Xeral de Cataluña fixo pública unha nota na que acusaba a Els Joglars de aludir na obra a un proceso fallado polo Consello Supremo de Xustiza Militar. Era certo. La torna, en catalán, é o contrapeso; o pouco que se engade para completar os gramos que faltan. O que Els Joglars viñan dicir era que un alemán chamado Heinz Ches, executado o mesmo día que o independentista catalán Puig Antich, fora o contrapeso na xornada.
Boadella finxiu estar enfermo e, levado ao hospital, fugouse a víspera do consello de guerra e exiliouse en Francia. Dous actores fuxiron tamén; os outros catro, condenados a dous anos de cárcere, serían amnistiados polo rei en 1979. En xaneiro de 1981 o sumario de La torna pasou á xurisdición ordinaria, e o grupo quedou exculpado de inxurias ao Exército.