Falarase de fútbol. Non teño dúbida. Do dobre derbi do sábado. Porque a sociedade é así, o deporte é así, o fútbol é así. Entendo a emoción dos xogadores e siareiros, pero esa mesma paixón é a que debera promulgarse nos medios de comunicación para darlle os parabéns a Javier Fernández, o noso flamante campión do mundo de patinaxe sobre xeo. Probable é que moitos non saiban nin quen é, cando debería terse moi en conta e non perdelo de vista, porque Javier resulta a elegancia feita persoa. Voa sobre a pista de patinaxe. Un chega a pensar que levita, que non pousa a afiada guía dos patíns sobre a superficie por non mancala. É delicado, coidadoso, preciso, traballador. O seu encanto é tal que un pensa que podería chegar a facer as mesmas piruetas ca el con só adestrar, porque así nolo di a través do seu sorriso constante. Como pode sorrir, se en realidade está exhausto? Realmente ve ao público? Sabe onde ten a cabeza despois de tanta volta? Sabe. Vaia se sabe.
Os presentes no seu exercicio libre en Boston erguéronse dos asentos para valorar espontaneamente a brillantez da exposición. Desfíxose en agradecementos, emocionado. Porén, é tan sinxelo, natural e discreto que a única explicación que deu á medalla de ouro foi que hai días nos que as cousas saen ben. Non me digan que non é para erguelo no alto dun pedestal. É un exemplo. Lembro a miña nena pegada á pantalla do televisor, absorta coa súa elegancia. Un xenio humilde de nome Javier Fernández. Deberían gravalo na mente e no corazón.