18, Concha

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Hai dous días, dezaoito anos atrás: Concha. Despois de Juan Pablo, pediatra, fun o primeiro que te colleu nos brazos. Tremía dende os pés ata os ollos, que se puxeron a chorar e non paraban. Mirándote. Dende aquel momento souben que o paraíso estaba alí: entre os teus ollos. Despois, unhas décimas de febre eran o inferno. Un non sabe o que pode quererse un fillo ata que ten un fillo. Recordo ese día e sae esta columna entre os dedos como unha pomba: esas que aparecían nos contos que cada noite che contaba. Quedaría alí para sempre. Pero o tempo pasa, canalla. Xa non podo contarche contos. Porén, sigo tendo a fortuna de taparte cada noite antes de ir á cama. Pronto non estarás aí. Imaxino que abrirei a porta do cuarto e quedarei pensándote no umbral. Verei os teus olliños como aquela primeira vez. E chorarei tamén de alegría. Porque vives. E en cada liña da túa vida escríbese o meu contento. E o de mamá. E Marta, ese estado de tormenta: qué disparate a adolescencia. Dezaoito anos, Conchiña. Crecerás máis aínda. Encontrarás días malos, como arañas. Pero tes a obriga de esquecelos: pasarán. Aprenderás que as cousas que importan son as máis pequenas. Que por amor todo vale. Que no corazón, e non na razón, habitan as decisións sabias. Que a dignidade é un credo. A libre conciencia, o único dogma. Que os amigos están tamén cando vén o frío. Que ser feliz é a única ambición que paga a pena. E que todo vai a ningunha parte: menos as persoas que importan ou importaron de verdade. Seres ou fantasmas. Eses quedarán contigo para coidarte primaveras noites invernos. Sempre, Concha. (A todas as mulleres que unha vez, protagonistas da comedia da vida, cumpriron dezaoito anos).