Recordos de Semana Santa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

28 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis , unha bolsa de aire frío situouse en Semana Santa con precisión de reloxo suízo, sobre España. Os meteorólogos tratan de explicar o fenómeno por correntes polares que aparecen xustiño nestes días. Un paisano andaluz atribuía as choivas a unha conxuración de científicos de países herexes, alemáns e ingleses, que nos enviaban as nubes «pá acá», e impedían a saída das procesións. Pola contra, unha señora moi devota aseguraba que se trataba dunha intervención directa da Divina Providencia para evitar «os espidos» nas praias en momentos que deben de ser de oración e penitencia.

En Mondoñedo, cando eu era nova, ninguén pensaba en ir á praia en Semana Santa . O noso era o Plorans do mestre Pacheco, con orfeón e solista e as procesións. A min a que máis me gustaba era a do Santo Encontro, que reúne na praza da Catedral á Virxe Dolorosa e o seu Fillo. San Xoán facía unha parada xunto ao portal da miña casa, onde a miña avoa, e despois a miña nai, poñían nunha mesa con mantel doces para os costaleiros. Chegaban moi animosos porque pasaran xa polo bar onde lles preparaban mexillóns e viño , e dende alí corrían a buscar a Verónica para que lle limpase o rostro e deixase presentable ao Nazareno para atoparse coa súa Nai.

Era fermoso. E seguirá séndoo. Conteino infinidade de veces, e agora contareillo aos meus netiños. Son unha boa contadora de historias e estou segura de que os deixarei con ganas de ir velo.