Hai veces, será cousa dos misterios das redes neuronais, nas que se producen estrañas relacións de ideas. Eu mesmo, por exemplo, cada vez que oio falar dalgunha cuestión relacionada coa protección dos consumidores, experimento unha rápida secuencia relacional que remata coa canción de Perales que Pablo Abraira levou hai anos ao cumio das listas de éxito (e hoxe á festa de vodas que se prece) zumbándome nas orellas. Pasoume o outro día, o ler o informe da OCU que dicía que o importe dunha mesma cesta da compra pode baixar entre 325 e 2.700 euros ao ano dependendo do establecemento no que merquemos.
A secuencia mental é, máis ou menos a seguinte. Leo a información da OCU. Estas cousas pasan (entre outros motivos) porque nos mercados os produtores teñen máis e mellor información que os consumidores; e a utilizan no seu beneficio. Isto prexudica a todos e cada un de nós en canto consumidores que pagamos máis do que deberíamos; pero tamén en canto membros dun grupo social que emprega mal os seus recursos, gastando cartos de máis nun ben, e polo tanto de menos noutros bens alternativos. Este fallo do mercado, que xustifica a existencia de diversas normas de protección dos consumidores, prodúcese porque non todos os consumidores están (estamos) dispostos a perder o tempo que sería necesario para buscar o establecemento no que cada produto é máis barato. Mesmo algúns xustifican (xustificamos) ese sobrecusto construíndo unha preferencia que nos leva a aceptalo porque favorecemos ao comercio de proximidade. É o fenómeno que en economía se denomina ignorancia racional; un fenómeno que eu lle escoitei explicar ao economista norteamericano Gordon Tullock contrapoñendo os consumidores gabián (gavilán), necesarios para que o mercado discrimine aos produtores que cobran de máis cos consumidores pomba, que non se preocupan de obter información facilitando a supervivencia dos produtores careiros. E a partir de aí xa me zumba o Abraira na orella.
A figura da ignorancia racional ten sido, á súa vez, aplicada ao comportamento político. Cando se afirma que os programas electorais apenas inflúen nos resultados dunhas eleccións porque son poucas as persoas que os len para elixir o partido que máis se aproxima as súas ideas, estase recoñecendo que unha gran parte dos electores son pombas e non gabiáns que deciden en función de sinais máis económicos de percibir (marca ideolóxica) que a esixente lectura de toda a información que teñen a súa disposición. Esa natural tendencia dos seres humanos a economizar recursos de todo tipo (tempo, información, etcétera) delegando en quen cres que mellor te representa, é unha construción académica racionalista elaborada nas antípodas dos referentes académicos dos novos populistas españois, pero que estes utilizan con extrema habilidade, mesmo nas súas coitas internas. Representan a toda a xente, pero na votación para elixir o secretario xeral en España participou o 44 % dos inscritos en Podemos; na do programa electoral co que concorreron ás eleccións do 20N apenas participou o 4 %; do mesmo xeito que só o 33 % dos inscritos en Galicia votaron para validar as listas ás xerais das Mareas (unhas 1.500 persoas); unha porcentaxe maior, en todo caso, do 16 % dos inscritos en Podemos que avaliaron a candidatura ás xerais do propio Pablo Iglesias. Non moito para reivindicarse como a voz da xente.
Pese a ser participativos, cada vez que algún dos membros electos nalgún deses procesos resulta molesto á dirección central, é rápida e fulminantemente destituído. O exercicio xerárquico e a loita polo poder interno xustifícanse ante a cidadanía e a militancia cunha carta miñaxoia, e agáchanse cun par de apertas e bicos en público. Entrementres, zumba a todo volume o Pablo Abraira. «Amiga, hay que ver cómo es el amor, que vuelve a quien lo toma gavilán o paloma, pobre tonto, ingenuo charlatán, que fui paloma por querer ser gavilán». Tanta paixón non podía ter mellor banda sonora.