Cando a política só é propaganda

OPINIÓN

07 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Case se pode afirmar que, hoxe, a política só é propaganda. Dunha maneira ou doutra (nuns casos de maneira aceptable pero noutros con verdadeiras tácticas non lonxe da delincuencia), a propaganda dominou toda a actividade política, tanto que sen ela esta non é imaxinable.

Como a propaganda chega hoxe a toda a sociedade, case diriamos que se mete nela, deixando a unha banda as posicións viscerais dun ou doutro signo, a xente empeza a sospeitar que verdadeiramente só é propaganda, chega á canseira, ao aburrimento ou a iso que se chama desafección. E só en moi poucas ocasións de especial transcendencia se chega a unha verdadeira mobilización masiva.

E cando a propaganda se queda na mentira, tarde ou cedo produce algo máis alá da desafección, da canseira ou do aburrimento: empeza a orixinar, como mínimo, indiferenza e, ás veces, cabreo. De aí o enfrontamento das sociedades dos nosos días cunhas políticas mentireiras que nós, neste país, coñecemos moi de preto, e do que non dámos saído.

Os longos e aburridos discursos destes días no Congreso do Deputados, uns referíndose ao ben que van as cousas, cando tan mal van para tanta xente, e outros ao ben que van ir se lles dan opción, pero sen ofreceren medidas convincentes para chegar a tanto ben, aburren, cansan e cabrean aos máis optimistas.

Chama a atención, ademais, o lonxe que estamos daqueles discursos sólidos, cheos de contido e ben escritos de Kennedy (ao menos tiña quen lle escribise) ou daquelas ironías de McMillan deixando fóra de xogo a calquera (a Kruschev, por exemplo, nunha visita a URSS de entón, moi sonada naqueles anos). O nivel é tan baixo que mesmo produce abraio pensar o moito que levamos recuado en tan pouco tempo. E o que nos queda por padecer.