As Marcas Hispánicas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamén chamadas Marcas Francas, eran territorios autónomos no sur do Pirineo que, dende aproximadamente a metade do século VIII ata o século XI, gozaban da protección do reino carolinxio e actuaban como fronteira contra a posible invasión musulmá de terras francas dende a península Ibérica. Ata a desaparición do califato de Córdoba (1031), a estratexia política e militar do emperador Carlomagno, paladín da cristiandade no soño de recuperar a idea da romanidade, consistía en afortalar as fronteiras do sur (marcas), levantando muros de contención perante a posible avalancha. Aínda que algún desgusto levou (a derrota de Roncesvalles a man dos vascóns), así naceron en gran medida o reino de Pamplona e os condados aragoneses e cataláns. Daquela Zaragoza era a capital musulmá do norte. E moito ten que ver Santiago de Compostela con aquela estratexia.

De cando en vez non está de máis volver repasar a historia, mesmo cunha ollada nova, dende a contemporaneidade. O que buscaba o emperador e os seus estrategos non era máis ca defender o territorio propio, o seu estatus, do inimigo exterior, con espazos intermedios e incluso avivando símbolos, como a aparición do corpo do Apóstolo no fraga de Libredón (813) e apoiando despois as peregrinacións e defensa de Compostela (o Camiño Francés). A inventio de Santiago, como a denominan os textos da época, por parte do eremita Pelagio, seica está datada un ano antes da morte do emperador, mais as crónicas (imaxinadas) falan da expedición dos exércitos francos para liberar o Corpo Santo de Occidente da furia musulmá, e así o relata o noso Pseudo Turpín, un dos libros do Códice Calixtino, entre outras fontes fantásticas.

Dende o ano 2015, a Unión Europea, con capital en Bruxelas e os centros de poder en Alemaña e Francia sobre todo, está a vivir un dos seus momentos máis difíciles, coa arribada de miles de refuxiados que, fuxindo das guerras de Oriente e das fames africanas, asaltan como poden as nosas praias e, dende a perspectiva dos mandatarios europeos, ameazan a estabilidade do sistema. Italia (Lampedusa), España (as costas do sur) e agora Grecia, Macedonia, os pasos de Hungría, etcétera, viven unha experiencia se non idéntica, moi semellante a aquela. Non é un asalto militar, é unha avalancha desesperada, en parte resultado tamén da política das potencias occidentais naquelas terras. A historia volve con teimosía sobre si mesma.

Máis dun millón de desesperados arribaron ás fronteiras orientais da UE no ano 2015, nun movemento migratorio sen precedentes. O 90 % pide asilo político. Grecia denuncia diante das autoridades da Unión que dende os grandes centros de decisión europeos queren converter ese país nun campo de concentración. Hungría ameaza cun referendo para revisar as cotas de refuxiados que se lle asignan. Os países ricos do norte cerran as fronteiras, mesmo negándose a admitir os cupos que inicialmente se acordaron. ¿Cómo imos saír desta? Non o sei. Limítome a repasar a historia.