¿Por que?

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Quizá porque apareces ti, aí detrás, á volta de todas as palabras. Xoves arriba: agardando esta contra para encontrar ánimo, esperanza, unha porta aberta ás ilusións. Porque son da estirpe dos homes que resisten. Porque non sei facer outra cousa e este, humildemente, é o meu modo de cantar unha canción feliz: «Gracias a la vida, que me ha dado tanto». Porque quero e quixen ata o fondo da miña alma e non sei mellor maneira de dicilo: verso con verso. Escribo por distanciar a tristeza e esquecer que existe. Por todos os que me aprenderon o máis importante que gardo no interior: amar ata non poder máis a aqueles que amas (e que te aman, tamén). Escribo porque enfronte da casa da avoa, na rúa Travesa 25 de Verín, había unhas escaleiras de pedra onde corrían os meus tebeos de chanzo en chanzo. Escribo, fundamentalmente, para non olvidar: cada unha das persoas que deixaron recendo de mazá na miña pel, elas e eles seguen formando parte de tantas horas. Escribo porque sei que este é o oficio máis agradecido do mundo: unha soa mensaxe que recibas pode cambiar un día gris e facelo azul primavera chocolate. Escribo para non estar só, para acompañarte e que me acompañes. Por deixarlles a Concha e Marta unha soa liña, aínda que só sexa unha, que debuxe un sorriso na súa cara linda linda. Por Berta, porque nunca coñecín unha persoa mellor ca ela. Polas veces que ganei, e polas veces que aprendín. Polo tempo perdido, que é a recompensa dos meus 52 anos. Polas cousas inútiles, que son as máis útiles e indispensables. Polos que non están e, pese a todo, ocupan un lugar enorme no meu corazón. Escribo porque apareces ti, aí detrás, xoves arriba. Por iso, e pouco máis, escribo.