Que é En Marea?

Miguel Anxo Fernán-Vello TRIBUNA

OPINIÓN

21 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Poderíase expresar moi ben, seguindo unha certa tese kantiana, que o pasado é aquilo a partir do cal ten agromado o presente, tendo en conta ademais que o valor crítico da irreversibilidade está en función dese condicionamento. E levado isto ao contexto no que se xestou En Marea, ben se ve que existe un pasado que actuou como forma ou referencia no que atinxe a un tecido emerxente e asociativo da cidadanía -Nunca Máis (2002-2003) e o movemento 15-M (2011): paradigmas de rebelión cívico-democrática-, e que ese «pasado» (a emerxencia dunha novidade, que diría G. H. Mead) ten exercido como modelador activo do presente. Na construción do presente, ben é certo, operaron tamén axentes políticos directos -velaí o caso da AGE-, mais tamén, e de xeito relevante, as denominadas «mareas municipalistas» -velaí os gobernos municipais da Coruña, Santiago e Ferrol-, que foron alicerce, xunto con outras plataformas e organizacións espalladas por toda Galiza, dun proceso de «unidade popular» e confluencia (acumulación de forzas: xa con Podemos presente) que produciu, como En Marea, os resultados históricos do pasado 20 de decembro: máis de 410.000 votos, o 25 % do censo e, xa como segunda forza política, máis de 62.000 votos por riba da terceira formación, o PSdG-PSOE. En Marea vén como fenómeno proxectivo do pasado, ten plena existencia material no presente e diríxese -realidade de propagación da onda e da maré mesma en crecemento- ao futuro. E ben se sabe que as ondas, falándomos agora en termos mariñeiros, son todo un prodixio expansivo de «reflexión, refracción e difracción». De aí que no seu momento, cando por razóns puramente políticas lle é negado o Grupo Parlamentar propio no Congreso a En Marea (a realidade do Grupo existe como feito empírico), fose esta capaz, para mellor defender os intereses de Galiza -con soberanía organizativa e política propia (tamén para levar a cabo o exercicio do voto)-, de procurar a súa operatividade no Grupo Confederal de Podemos, zafándose así da invisibilidade e da opacidade bretemosa do Grupo Mixto («mixtus», mesturado) e accedendo a unha «unión de estados», a unha alianza («foedus») que permite conservar un algo grao de independencia das partes que constitúen («fidere», ter confianza) unha unidade formal acordada. ¿E que é En Marea hoxe? A resposta é doada. É un conxunto de forzas cidadás e políticas, sumatorio e multiplicador, que ten por obxectivo, dende a forza motriz dun pensamento de esquerdas, nacionalista e internacionalista, construír outro futuro. Porque, como dicía o poeta T. S. Eliot, as palabras do futuro agardan por outra voz. Ou como enunciaba Nietzsche: o noso futuro dita as leis da nosa actualidade. En Marea está na «crista da onda», na tensión creativa, no ángulo aberto, na acción participativa, na base dunha vangarda para o cambio social, na construción incesante dun suxeito político galego. E todo coa xente «boa e xenerosa», que é a inmensa maioría do «noso bon país» (Rosalía de Castro).