Son as cousas pequenas as que nos fan verdadeiramente humanos. Aí, no diminuto, reside a grandeza. Non temos outra. Por iso, a modo de esperanza, levanto os muros deste xoves para que nunca máis nos conquiste o vento frío da tristeza: ese páramo onde nada existe. Prefiro a túa voz. Digo a brisa da túa voz acariñando o meu adentro. Os teus dedos suaves, as mans, que levo a boca para bicalas. Déixame, pois, a brisa da voz e a pel. As túas palabras agora que podo escoitalas nítidas. Déixame os recordos para que o olvido non venza. A bañeira dos sábados e os primeiros libros que poñías na miña man sabendo que alí, e non noutro lugar, estaba o sitio do meu recreo. Déixame os consellos (a min, que aprendín que o único consello que podo dar é non dar consellos). Déixame a honestidade, dignidade, liberdade, esas palabras emputecidas polo uso e desuso. Déixame a calma, cando todos os mares ameazan bravos. A lámpara diminuta dos teus olliños pequenos, de améndoa, eses que me miraban mentres crecía con feridas nas pernas e un balón. Déixame un quérote, porque é a oración perfecta. Déixame a xenerosidade: porque aí reside o gozo (pobres os que fan do rancor a súa boaventura). Déixame aproveitarme de ti todos os minutos que poida, os que sexan, os compartidos incluso nestes anos con sufixo ?terapia?. Déixame unha nube azul onde poder pensar, pensarte. Déixame as ilusións: o conto da flor do Lirulau, que me contaches tantas veces, e despois á Concha e á Martiña. Déixame a tenrura, o mimo, o camión de xoguete da alegría. As merendas, as comidas que arrecendían no portal, os abrazos, a delicadeza. Déixame o amor. O amor: para que non nos conquiste o vento frío da tristeza.