O futuro do BNG

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Futuro do nacionalismo e futuro do BNG son dúas cousas diferentes dende hai xa unha chea de tempo. Esta evidencia parece ser unha das primeiras que están a asumirse no proceso asembleario que está en marcha nesa organización. Non é un asunto menor, aínda que dende fóra a moitos pareza obvio, porque supón abandonar a idea do frontismo. Esa idea que pulou ao BNG actual dende a asemblea de Riazor e que permitiu xerar a idea de que só podía haber un nacionalismo en Galicia unido nunha única organización, vén de moi atrás. No triunfo desa idea baseouse a evolución do nacionalismo organizado en Galicia nas últimas catro décadas e favoreceu a hexemonía da UPG como motor e xestor dos exitosos procesos de unidade que levaron ao Goberno bipartito do 2005. Asumir a evidencia de que hai nacionalistas en organizacións diferentes ao BNG ou que o BNG pode aliarse con outros supón asumir a pluralidade organizativa e non só ideolóxica do nacionalismo. Iso semella ser o que está en discusión no BNG entre os partidarios de refundar e tentar pactar cara as vindeiras eleccións unha coalición e quen prefiren presentarse as eleccións e adiar a refundación ao ano vindeiro, cando baixe a marea.

Supoñendo que esteamos a vivir a fin do frontismo como fórmula organizativa e como proposta política estratéxica, é bo momento para preguntarse por que tivo tanto éxito no sistema político galego. Entre outras moitas razóns, foi un éxito xeracional daqueles mozos nacidos entre 1936 e 1946, que se situaban con forza nas novas ideas da esquerda intelectual arredor de 1970 e por esta vía, enlazando co que entenderon que debía ser a herdanza do galeguismo, construíron unha proposta nova e moderna á altura daqueles tempos. Como antifranquistas rachaban coa xeración da guerra e co PCE e como nacionalistas rachaban co que denominaron piñeirismo. Piñeiro e os seus compañeiros das mocidades galeguistas da preguerra deseñaran dende comezos da década de 1960 un PSG (Del Riego) e un PPG (Illa Couto) homologables respectivamente ao socialismo e á democracia cristiá europea. Pero a nova mocidade elixiu o seu propio camiño. Foi unha ruptura xeracional canónica que intentou enlazar co herdanza dun PG desaparecido no exilio, como todos os partidos da República -menos o PCE e o PNV-, cando na década de 1950 a ditadura se consolidou definitivamente no interior. O frontismo foi a vía da UPG para hexemonizar o nacionalismo e logrouno despois dunha década de disputas cos que, como Camilo Nogueira, entendían que aquela estratexia que servira nos países do terceiro mundo non podía ter éxito na Europa dos oitenta. As eleccións dirimiron a disputa a prol do BNG. Pero á vista da súa recente evolución, diríamos que o éxito do frontismo contiña tamén os seus límites. Pola existencia de partidos e colectivos con posicións asimétricas de poder, o que deriva -segundo algúns- en tomas de decisión previas ás da executiva do BNG e ás súas asembleas; tamén pola incapacidade para converter a vella fronte nunha moderna coalición que identificase aos grupos que a compoñen con regras claras e idénticas. A fronte tiña sentido cun partido dirixente pero deixa de telo cando os cidadáns e os afiliados reclaman xa a supresión dos partidos dentro da organización.