Do mal, o menos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

29 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As ideas xeniais, ao facerse públicas, parecen tan evidentes que a reacción máis xeral é: Como non o viu ninguén antes? A proposta que formulou Felipe González achégase moito a esa situación: «Deixen gobernar», dixo. Entendo que González quere dicir que a única opción viable e razoable na situación actual é a que pasa pola abstención do PSOE, a cambio dunha lexislatura curta, que permitiría gobernar ao partido que gañou as eleccións e á oposición forzar a reforma da Constitución e levar adiante medidas de carácter social.

Neste liña, coido que propón que o PSOE non debe gobernar coa axuda de Podemos, que de xeito evidente quere eliminalo e ocupar o seu lugar, nin coa colaboración dos que queren unha república en Cataluña e declaran persoa non grata ao rei. E que en España non debería ser presidente un candidato que di «non, non e non!» e ao mesmo tempo ofrece «diálogo», entendendo por diálogo dicirlle que se marche a quen o derrotou nas urnas.

Creo que a proposta aspira a recuperar o que Zapatero e Sánchez dilapidaron: a ilusión e a confianza dos máis de dez millóns de votantes que levaron ao partido ao Goberno en 1982.

É penoso que Rajoy, en catro anos, non soubese ver nin atallar a corrupción no PP, pero en todos os partidos cocen fabas. A proposta de González ten as boas formas dun político sagaz e experimentado, e tamén pode formularse así: «Do mal, o menos».