Non o sabemos, pero foi algo tan terrible para un neno de once anos que preferiu morrer a seguir soportándoo. Na carta que deixou escrita atópase a única pista que pode servir para aclarar os motivos desa morte e evitar que haxa máis vítimas.
O neno percibiu as preocupacións da súa familia -en cal non as hai?-. Deséxalle ao seu irmán «sorte para que poidas ver a Eli» e a Tata que atope traballo pronto. Aos seus pais pídelles que non se separen: «Os dous sodes incribles, pero xuntos sodes os mellores pais do mundo. Pídovos que non vos separedes, papá e mamá, só véndovos xuntos e felices eu serei feliz». Pero eses problemas non son os que o empuxaron a arroxarse ao baleiro desde un quinto piso.
A súa despedida está chea de agradecemento e agarimo, ao seu pai, que xogaba con el e ensinoulle «a ser boa persoa e a cumprir as promesas», á súa nai, que o coidaba «moitísimo» e levábao «a moitos sitios», ao irmán que lle axudaba cos deberes, ao seu avó que foi «moi xeneroso» e á Tata, «que aguantaches moitas cousas por min e por papá».
É consciente de que o seu suicidio é algo malo: «Espero que algún día poidades odiarme un pouquiño menos». E dálles a razón de por que o fai: «Non aguanto ir ao colexio e non hai outra maneira para non ir».
Que sucedeu nese colexio para que un neno sensible, maduro e bo estudante non poida aguantalo? É absolutamente necesario pescudalo.